DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo

Máis de 300 especialistas de toda a península asistirán en xuño en Vigo ao congreso ibérico de Limnoloxía

A cita presentouse este mércores no Concello de Vigo coa participación de Josefina Garrido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/04/2024

Máis de 300 especialistas no estudo das augas doces participarán o vindeiro mes de xuño en Vigo na 22ª edición  do Congreso da Asociación Ibérica de Limnoloxía, unha cita que por primeira vez se celebra en Galicia e que traerá á cidade “a un moi importante número de persoas interesadas no avance do coñecemento científico dos ecosistemas acuáticos continentais (ríos, lagoas, lagos…) e estudosos de todas aquelas cuestións que teñen que ver co avance desta materia, incluíndo a ecoloxía e a bioloxía dos organismos vinculados a estas augas tales como peixes, bacterias, insectos…”. 

Así o explicou este mércores a profesora Josefina Garrido, responsable do Comité Organizador, na presentación no congreso, un evento celebrado no Concello de Vigo e no que se contou coa participación das concelleiras Yolanda Aguiar e María Lago, e a secretaria da Asociación Ibérica  de Limnoloxía, Romina Álvarez Troncoso, co-secretaria do congreso xunto coa investigadora da Universidade de Vigo Iria Villar.

Entre o 23 e 28 de xuño en Afundación

O congreso, de carácter bienal, levarase a cabo entre o 23 e o 28 de xuño na sede de Afundación organizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. “Trátase dunha cita de gran relevancia para a cidade de Vigo”, explicou a concelleira Yolanda Aguiar, responsable de Política Social e Turismo, quen fixo fincapé no impulso que desde o goberno local se lle está a tratar de dar ao turismo de congresos. 

Neste caso concreto, “a xuntanza cobra ademais especial relevancia para afondar coñecementos sobre un tema que nos axudará a coidar mellor e a valorar máis o inxente patrimonio natural que temos nesta cidade”, subliñou a concelleira, quen recalcou a idea de que “non se coida e non se quere aquilo que non se coñece”. Nesta mesma liña pronunciouse Josefina Garrido, ao apuntar que “estes congresos non só contribúen ao avance do coñecemento científico, senón que tamén axudan a achegar á sociedade o coñecemento sobre a limnoloxía”.

Profesionais da limnoloxía de Portugal, España e outras rexións

De informar sobre os detalles do congreso encargouse a secretaria da Asociación Ibérica  de Limnoloxía, Romina Álvarez Troncoso, quen recalcou que o encontro contará cunha importante presenza de investigadoras e investigadores noveis, tanto estudantes de doutoramento como posdoutoramento, así como de destacados investigadores sénior.

Titulado Ecosistemas acuáticos ameazados: avanzar no noso coñecemento para mitigar os efectos do cambio global, promover a xestión adaptativa e involucrar aos cidadáns, o encontro reunirá a profesionais da limnoloxía de Portugal, España e outras rexións/nacionalidades para compartir e intercambiar coñecementos e experiencias. Tamén pretende reunir, tal é como recalcou Álvarez Troncoso, a actores políticos e ambientais, representantes da industria e todos aqueles interesados na investigación ecolóxica acuática e na construción dun futuro medioambientalmente sostible.

“Haberá sesións plenarias nas que se tratarán temas transversais e de importancia para o conxunto da sociedade, desde o estudo do ADN, os microplásticos, as interaccións solo-auga... pero tamén outro tipo de xuntanzas como unha sesión técnica especial con persoas do ministerio e outros organismos, “xa que consideramos de gran relevancia que a parte científica interaccione coa parte de xestión”, recalcou a investigadora.

O programa do congreso incluirá tamén a entrega de premios, tanto ás mellores teses de doutoramento de 2022 e 2023, como un galardón á mellor traxectoria  profesional que, por primeira vez, recaerá nunha muller científica, a doutora María Rosario Vidal Abarca, catedrática de Ecoloxía da Universidad de Murcia.