DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 300 estudantes reciben os seus diplomas no acto conxunto de graduación dos mestrados da EEI

Púxose de manifesto a importancia dunha formación sólida en tempos de crise

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 27/07/2012

O salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial (EEI), acolleu nas últimas horas a entrega de diplomas ao alumnado que rematou os seus estudos de mestrado na ducia de titulacións que se imparten na Escola. Destes, un total de nove están orientados á inserción laboral dos egresados e especialización de profesionais, mentres que os outro tres dan resposta á urxente necesidade de incorporar as empresas doutores cun claro perfil investigador. Os máis de 300 estudantes dos nove mestrados orientados á inserción laboral, conforman o 25% do alumnado de segundo ciclo da Universidade de Vigo, dos que un 30% son egresados das universidades de Santiago e A Coruña.

No acto de entrega de diplomas no que o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán actuou en representación do reitor, o vicedecano do Colexio de Enxeñeiros, Constantino García, e o vicedecano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos, Jorge Cerqueiro Pequeño, destacaron a importancia de completar os coñecementos adquiridos durante a carreira coa realización dun máster, ademais de animar ao alumnado a seguir a senda do doutoramento como fonte de coñecemento para aumentar a competitividade e eficiencia das empresas no actual marco de grave crise económica.
Na súa intervención, o director da Escola, Juan Pou Saracho, agradeceu a todos os membros da comunidade universitaria, en particular aos coordinadores dos mestrados e persoal de administración e servizos do centro a súa contribución á formación de cinco promocións de titulados. En representación do Concello de Vigo, a concelleira de Economía, Facenda, Patrimonio e Educación, Raquel Díaz , transmitiu o agradecemento á dedicación dos profesores da Escola para formar enxeñeiros, tanto nos graos como nos mestrados, que contribúen o desenvolvemento industrial de Vigo.

Pola súa banda Manuel Puga Formiga, antigo alumno da Escola Técnica Industrial de Vigo e actual coordinador de Lanzamiento Vehículo PSA-Vigo, fixo un percorrido da súa vida estudantil e profesional comezando pola súa etapa como alumno da antiga ETUI Industrial, para continuación rememorar os traballos realizados en diversas empresas onde aprendeu que “o fundamental para prosperar na vida son as gañas de aprender e ter espírito de superación”. Xa na súa etapa dentro do grupo PSA, destacou a importancia que tivo para que ocupe o seu cargo actual realizar o Máster do Automóbil, facendo fincapé na necesidade que ten o enxeñeiro “de estar adquirindo novos coñecementos continuamente, pois o que se ten ao rematar a carreira é soamente unha base, sólida, para empezar a aprender”.