DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Fisioterapia prestou asistencia a preto de 120 deportistas nestas instalacións

Máis de 300 participantes no Mundial de Duatlón foron atendidos no Pavillón Universitario

Estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte realizaron medicións antropométricas a máis de 200

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 02/06/2014

Intensa cando menos resultou a fin de semana no Pavillón Universitario. Con motivo da celebración en Pontevedra do Campionato do Mundo de Duatlón, preto de 40 estudantes do campus converteron estas instalacións nun concorrido punto de parada para deportistas chegados de múltiples partes do mundo. De feito, preto de 120 participantes nesta competición recibiron a asistencia do alumnado de Fisioterapia nas xornadas de sábado e domingo, ao tempo que a presenza no pavillón de 11 alumnos do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte permitiu a realización de máis de 200 medicións antropométricas a deportistas de diferentes categorías.

Unha importante mostra de ‘duatletas’

Baixo a coordinación do profesor José Luis García Soidán, os once alumnos e alumnas do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que colaboraron como voluntarios nesta competición proporcionaron aos máis de 1400 deportistas que se reuniron en Pontevedra a posibilidade de obter un completo informe antropométrico co que coñecer o seu estado actual de forma, da man de indicadores como os índices de masa muscular, a porcentaxe de materia graxa ou os diámetros óseos. O certo é que esta posibilidade recibiu unha moi boa acollida, xa que foron preto de 220 as persoas que se someteron ás medicións que o alumnado realizaba con máquinas como antropómetros, segmómetros ou paquímetros. “Á xente pareceulle moi interesante, xa que lles permitía saber en que estado se atopan agora mesmo e coñecer cara onde deberían dirixir os seus adestramentos se nalgún momento se lesionan”, explica García Soidán.

Pero, máis aló de prestar un servizo aos participantes nunha proba que corou aos franceses Nicolás Benoit e Sandra Levenez como campións do mundo, esta iniciativa tamén tiña como obxectivo reunir unha serie de datos sobre as características antropométricas dos deportistas especializados nesta disciplina. Nela combínase a carreira a pé co percorrido en bicicleta, pero non inclúe probas de natación, a diferenza do triatlón e por ese motivo, como salienta García Soidán, “existen moi poucos datos dos deportistas que só practican esta disciplina e que entendemos que deberían ter un perfil antropométrico diferente ao daqueles que si fan natación”. Por iso, o principal interese era reunir a unha boa mostra daqueles que responden a este perfil, algo que se logrou con creces. “Puidemos medir a 176 persoas que só fan duatlón, entre as que estaban os primeiros clasificados en varias das categorías, polo que hai posibilidades de que da investigación que desenvolvamos saian resultados interesantes”, salienta o coordinador desta iniciativa, na que tamén se obtiveron datos de 45 triatletas, que contribuirán a establecer comparacións entre uns perfís e outros.

Un primeiro achegamento á fisioterapia deportiva

Xunto á maquinaria empregada polo alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte e o posto de avituallamento da organización, tamén se instalou na pista do Pavillón Universitario unha unidade de fisioterapia á que podía acudir de xeito gratuíto calquera participante, tanto nas probas do mundial como na competición popular PontealDu. Para que poder prestar asistencia a todo aquel que a requrise ao longo da fin de semana, organizáronse quendas de 13 persoas, nas que se distribuíron un total de 29 alumnos e alumnas baixo a coordinación Joana González, Iria Dacuña, Alberto Cortizo e José Manuel Pazos.

Como salienta Pazos, responsable do programa de voluntariado polo que Fisioterapia colabora desde hai anos en múltiples eventos deportivos, o tipo de competición ao que os estudantes prestaban desta volta as súas mans e coñecementos motivou en gran medida “que a maioría das atencións realizadas fosen as previsibles neste tipo de disciplina, como sobrecargas varias ou as molestias que derivan do tipo de pisada de cada participante”. Así pois, esta iniciativa permitiu ao alumnado coñecer de forma práctica e atendendo a profesionais algúns dos eixos do traballo no campo da fisioterapia deportiva, o que motivou que, como recoñece Pazos, “que a experiencia lles gustase moito, ao que se suma o feito de as atencións estivesen bastante repartidas ao longo da fin de semana”.