DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A afluencia de público superou todas as expectativas

Máis de 300 persoas participaron na xornada de portas abertas organizada por atlanTTic

O centro de investigación valora "institucionalizar” este tipo de actividades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 12/11/2018

A xornada de portas abertas celebradas polo centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic foi un éxito rotundo. O pasado venres as instalacións do centro da Escola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleron unha ducia de obradoiros e experimentos que deron a oportunidade de coñecer en detalle, aos máis de 300 asistentes que se achegaron ás instalacións, as novas tecnoloxías como a impresión 3D, os nanosatélites, o recoñecemento facial, as apps deseñadas para facilitar a comunicación a persoas con dificultades específicas ou as ferramentas de detección de manipulacións en fotos e vídeos, entre outras. 

“Estamos sorprendidos pola cantidade de xente que participou. Superáronse todas as nosas expectativas, sobre todo tendo en conta as malas condicións climatolóxicas que nos acompañaron durante toda a tarde” declara Carlos Mosquera, director do centro, ao que engade que “ás veces os investigadores e investigadoras estamos moi centrados no noso traballo e non nos damos conta do que pode interesar todo o que facemos e estas xornadas demostran que a xente ten gañas de coñecer o que se fai na Universidade de Vigo”. Este “balance positivo” fai que desde a organización xa valoren a posibilidade de que esta actividade “se institucionalice e poida celebrarse ao menos unha vez ao ano, porque vemos que ten aceptación, que a xente está entregada”.

Para todos os públicos

As visitas guiadas que complementaban a actividade tiveron tamén un gran éxito e esgotaron en pouco tempo as prazas dispoñibles. O percorrido realizouse polo laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial, e polo laboratorio de acústica, no que as persoas participantes puideron coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.

Lonxe de tratarse dunha xornada técnica e especializada, con estas actividades buscábase achegar á sociedade que se fai neste centro de investigación, como e onde se fai. E conseguiuse este obxectivo, xa que gran parte do público asistente foron familias con nenos e nenas de todas as idades e alumnado de Bacharelato.

Peche do programa Divulgando Ciencia Singular

Con esta xornada pechouse o programa Divulgando Ciencia Singular, a través do que, durante os meses de outubro e novembro, os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo (Centro de Investigación Mariña (CIM), Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e attlanTTic) levaron a cabo unha serie de actividades de divulgación científica gratuítas e para todos os públicos a fin de dar a coñecer a súa actividade investigadora e a importancia que esta ten para a sociedade en xeral. 

As actividades están cofinanciadas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado con fondos FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.