DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pon a disposición do público os resultados das investigacións realizadas no seo da Universidade

Máis de 300 títulos e case dez anos de experiencia avalan o traballo do Servizo de Publicacións

Etiquetas
  • Vigo
Jessica Fdez. DUVI 07/12/2012

A difusión do coñecemento é unha variable indispensable a ter en conta cando falamos de ciencia e investigación. Os avances logrados cobran sentido cando chegan á cidadanía e contribúen ao progreso tanto social coma cultural e, neste sentido, o Servizo de Publicacións da Universidade xoga un papel fundamental. Con máis de 300 títulos as súas costas dende a súa creación no ano 1993, o servizo edita, difunde e intercambia traballos monográficos, revistas, textos de apoio á docencia e títulos que, froito das investigacións realizadas tanto na Universidade coma fora das súas fronteiras, gardan relación coa contorna social, política, económica ou cultural.

Un servizo con calidade garantida

Co fin de garantir a calidade das obras entre o público, o servizo conta cunha Comisión de Publicacións que, presidida por un director e conformada por docentes, alumnado e persoal administrativo, establece a prioridade nas edicións de forma obxectiva. Hai unha convocatoria pública anual para o envío dos orixinais de monografías e manuais que, tras ser revisadas por esta comisión, “remítense a expertos alleos á Universidade de Vigo, xeralmente dous, co fin de que revisen os textos de forma cega e imparcial e establezan unha recomendación final sobre a publicación ou non do texto examinado” indica Julia Mencía, xefa de negociado do servizo.

Ademais destes dous tipos de obras, o catálogo deste servizo tamén inclúe coleccións que recollen as actas de congresos, clásicos da ciencia, revistas científicas especializadas, teses de doutoramento, homenaxes ou materiais lingüísticos dirixidos tanto a persoal docente e investigador coma a estudantes, órganos colexiados e público en xeral.

Intercambio de coñecemento con outras institucións

Unha vez aceptada a publicación ponse no mercado unha primeira edición con 300 ou 350 exemplares, “que se venden a través de distribuidores, nunca directamente a través da Universidade, e das que se realizan as reimpresións necesarias ou, se é o caso, incluso se baralla a posibilidade da reedición”, apunta Mencía. A estas monografías e libros tamén hai que sumar aquelas publicacións periódicas que “intercambiamos cos fondos propios doutras universidades, centros de investigación e organismos tanto oficiais coma privados, ampliando así o fondo bibliotecario destas institucións, reducindo o seu investimento en fondos editoriais e fomentando a divulgación do coñecemento”, puntualiza.

Deste xeito, e sendo conscientes da importancia que ten para os investigadores a publicación e difusión de artigos científicos en revistas de elevado estándar de arbitraxe, tamén “enviamos as nosas publicacións, que corresponden na súa maioría ao labor do persoal docente e investigador desta Universidade, ás feiras do libro máis importantes tanto a nivel nacional coma internacional”, polo que “seremos de gran axuda para toda unha nova xeración de investigadores”, conclúe Mencía.