DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Laboratorio de Arqueoloxía traballa na análise das pezas atopadas no complexo rupestre

Máis de 3000 fragmentos que falan do pasado habitacional de Armea

Destacan unha vasilla que se conserva case intacta e varios restos de bronce

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/10/2012

Durante os veráns de 2011 e 2012, o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo realizou un inxente traballo de escavacións no Monte Señoriño de Armea na busca dunha explicación ás estruturas atopadas polo veciño de Allariz Manuel Losada. Froito dese traballo, nas oficinas do laboratorio no campus de Ourense acumúlanse agora máis de 3000 fragmentos que falan do pasado habitacional do lugar e que están sendo estudadas e tratadas para o seu estudo, conservación e futura musealización. Entre elas destacan unha vasilla que se conserva case intacta e na que se atopou un pequeno fío de ouro e restos de pezas de bronce.

Segundo explica Fermín Pérez, director do Laboratorio, os restos atopados permiten xa datar e delimitar con bastante exactitude o xacemento. “Estamos falando dun poboado que viviu alí durante un século, desde principios a finais do século I despois de Cristo, e que ocupaba arredor de 600 metros cadrados de extensión”, destaca. Esta datación é posible, apunta, porque se atoparon restos arqueolóxicos tanto da súa fundación, en recheos, como da súa fase de abandono. A superficie dividíase nun ou en varios espazos habitacionais e nunha zona de produción dos útiles cotiáns.

Inventario de restos

Realizadas nun forno atopado nas rochas nun lugar próximo ao complexo arqueolóxico de Armea, nas escavacións recolléronse 1910 fragmentos de cerámica común na campaña de 2011 e 1247 no ano 2012. Estas pezas xa están lavadas e inventariadas polo que agora os técnicos procederán á selección das máis significativas para a súa reconstrución. “Pola xeografía e polo tipo de terreos este material está moi deteriorado”, apunta Adolfo Fernández, director do proxecto de Armea, financiado polo Concello de Allariz.

Entre os restos atopados tamén apareceu, nunha fenda nas rochas, unha vasilla moi ben conservada que, segundo salienta a conservadora Marta Lago, “puidera ser algún tipo de obxectivo votivo, algún tipo de ofrenda”. No seu interior apareceu un pequeno fío de ouro “que probablemente pertencía a algo, como un pendente ou unha prenda, e se desprendeu quedando alí”. Ademais, destaca a conservadora, apareceron fragmentos non significativos de vidro; fusaiolas da actividade téxtil do poboado; escouras froito da actividade metalúrxica e algúns metais. Entre estes últimos, explica, están o que parece unha cabeza de agulla e unha bisagra. “Con este material aínda estamos facendo un minucioso traballo de limpeza”, advirte.

“O feito de que traballemos coa hipótese de que sexa un lugar habitacional non mingua o interese científico do xacemento. Entre outras cuestións, por exemplo, é novidoso o feito de que aínda que sendo un poboado castrexo final ou romano inicial estivese situado fóra do castro da zona. algo moi pouco habitual en Galicia”, destaca Fermín Pérez. O Laboratorio agarda completar o proxecto de Armea o vindeiro verán con actividades de conservación e musealización da zona, para que poida ser visitada e interpretada polas persoas que ata alí se acheguen. As escavacións, a falta de rematar a planificación da zona, danse por case pechadas a falta de ter os últimos estudos con radar e outras tecnoloxías realizados pola E.T.S.E de Minas da Universidade de Vigo.