DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En centros de Ourense, Pontevedra e Vigo

Máis de 3400 alumnos realizarán na UVigo os seus exames de selectividade

Representan un 38% do total de matriculados nestas probas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 10/06/2008
A temida selectividade está a piques de chegar para os 3405 alumnos que este ano realizarán os seus exames en diferentes escolas e facultades da Universidade de Vigo. Representan un 38% do total de matriculados en Galicia e proveñen de 103 centros das provincias de Ourense e Pontevedra.
O campus de Vigo é o que máis alumnos congrega con 1742 matriculados. 487 examinaranse na ETS de Enxeñeiros Industriais (comisión delegada número 19);423 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (comisión 20); 455 na Facultade de Filoloxía e Tradución (comisión 21) e 377 en Bioloxía (comisión 22).
No caso dos centros ourensáns examinaranse neles 861 estudantes. Dividiranse entre o Edificio Xurídico-Empresarial (comisión 15) con 286 matriculados; a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (comisión 16) con 235 e a Facultade de Historia (comisión 17) con 339.
No campus de Pontevedra hai matriculados 802 alumnos que realizarán as probas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (comisión 23) e na E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal (comisión 24), con 478 e 324 alumnos matriculados en cada unha delas.
As probas serán os vindeiros 18, 19 e 20 e os resultados provisionais serán publicados na páxina web da Comisión Interuniversitaria de Galicia o próximo día 30 deste mes a partir das 15.00 horas.