DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos diferentes actos de graduación, que recuperan o seu formato habitual

Máis de 550 alumnos e alumnas festexan nos próximos días o remate dos seus estudos

O primeiro dos eventos será o de Fisioterapia, na tarde deste venres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/06/2022

Despois de que a pandemia impedise levalos a cabo en 2020 e limitase a súa celebración o pasado ano, no que algunhas das facultades e escolas do campus optaron por non realizalos e outras por facelos con limitacións, os actos de graduación retornan este curso á normalidade no campus pontevedrés. Acompañados das súas familias, máis de 550 novos titulados e tituladas festexarán nos próximos días o peche dunha etapa formativa e recibirán as súas correspondentes bandas e diplomas nunha serie de actos que arrancan este venres coa graduación de Fisioterapia e completaranse a comezos de xullo coa de Comunicación Audiovisual.

Fisioterapia protagoniza a primeira despedida

A primeira graduación será a dos 51 integrantes da XIII promoción do Grao en Fisioterapia, que terá lugar este venres no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Os novos titulados e tituladas terán como madriña e padriño aos docentes Iris Machado e Gustavo Rodríguez e recibirán as verbas de recoñecemento do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade en funcións, José Luis Míguez; o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, e a deputada provincial Raquel Giráldez, así como da decana, Eva María Lantarón, quen pon en valor “o esforzo realizado” tanto polo profesorado como polo alumnado para que esta non fose “unha promoción marcada pola pandemia”, senón un grupo “que durante estes anos alcanzou todas as competencias profesionais, actitudinais e aptitudinais”. O acto completarase coa intervención dos representantes do alumnado e a actuación da Aula Permanente de Música Tradicional do campus.

Enfermaría, a segunda

O xoves 9, o Pazo Provincial acollerá a graduación de 38 novas tituladas e 7 novos titulados da Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á UVigo e dependente da Deputación. Como salienta o seu director, Miguel Ángel Piñón, este acto permitirá “pór de manifesto a solidariedade e colaboración dos alumnos que participaron en prácticas e accións sanitarias” durante a pandemia, un período que, engade, “evidenciou os valores profesionais de dedicación, solidariedade e altruísmo” da enfermaría. Xunto ao director, intervirán neste acto a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto; a presidenta do padroado da escola, Noemí Outeda; os profesores Claudia González e Felipe Fernández, como madriña e padriño, e a graduada Covadonga López. O evento completarase cunha entrega de recoñecementos a unha personalidade académica e unha alumna destacada e cunha lección final, que terá como base un dos TFG defendidos este curso.

Catro graduacións na tarde do venres 10

Ao día seguinte, o salón de actos de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá a graduación dos 20 integrantes da décima promoción de Dirección e Xestión Pública, que terá como madriña académica Soraya Rodríguez e como padriño de honra ao alcalde de Vilagarcía de Arousa e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela. “Este acto representa a volta á normalidade”, recoñece o decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, que pon de relevo a “resiliencia vital e as gañas por continuar” dunha promoción marcada pola pandemia, á vez que define este acto, no que tamén intervirá o estudante Alejandro Virgós, como "unha homenaxe" a alumnado e familias e ao propio persoal da institución académica, que souberon adaptarse ás “novas realidades híbridas” nun período no que o grao estreou tamén a súa modalidade virtual.

Dúas horas máis tarde, despedirase nese mesmo espazo a 84 novos graduados e graduadas en Publicidade e Relacións Públicas, que terán como padriño ao profesor Daniel Martí. Xunto aos discursos e a entrega de bandas e diplomas, unha actuación musical e a proxección duns vídeos realizados polo alumnado completarán un acto que, como explica o vicedecano Paulino Pérez, “é organizado polo propio alumnado", co asesoramento do decanato, coa idea de que lles sirva "como unha actividade práctica, na que teñen que encargarse de organizar e dar forma a un evento". O mesmo acontece co acto do Grao en Comunicación Audiovisual, previsto para o venres 1 de xullo e no que se despedirá a 42 novos titulados e tituladas. Ambas promocións, lembra a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, pasaron “un período complicado, do que saen con todas as garantías de formación, incluso algúns deles con algunha habilidade adicional que lle requiriu ter que adaptarse a unha docencia non presencial”, mais tamén tras uns cursos nos que viron limitada unha "parte social que fai aínda máis importantes estes actos". 

Tamén o venres 10, a Escola de Enxeñaría Forestal despedirá os 25 integrantes da súa novena promoción de graduados e graduadas, que terán como madriña e padriño aos docentes Graciela Paz e Óscar González. Respecto da que é xa á vixésimo oitava promoción de egresados desde a creación da escola, o seu director, Juan Picos, destaca que levan “no seu ADN un pouco máis de resiliencia e quizais un reequilibrio de certos valores que dabamos por supostos e dos que a pandemia demostrounos a súa importancia”, así como o feito de que sexa a primeira promoción tras a revisión do Plan Forestal de Galicia, que “marca a importancia desta formación e agarda que sexan axentes de cambio e progreso para o monte galego”. 

Organizada polo propio alumnado, nesta xornada tamén terá lugar a graduación de Belas Artes, que se desenvolverá no Pazo da Cultura coa participación de entre 80 e 90 estudantes, segundo explican desde a Delegación de Alumnado. “Pensamos que o estudantado valora bastante o feito de poder reunirse e levar a cabo o acto”, salientan do evento que será presentado polos estudantes Marina Aradas e Xoel Gómez e contará coas intervencións da profesora Silvia García, madriña desta promoción, e das alumnas Carmen Suárez e Iris Rodríguez.

Ciencias da Educación e do Deporte retorna ao Pazo da Cultura

Despois de levar a cabo este acto no pavillón da facultade o pasado ano, Ciencias da Educación e do Deporte retorna neste 2022 ao Pazo da Cultura, onde o 24 de marzo despedirá á décima promoción dos seus tres graos. Farao en tres actos consecutivos, que contarán coa actuación da Aula de Música Tradicional. Os primeiros en recoller as súas bandas e diplomas serán os 90 novos titulados e tituladas en Ciencias de Actividade Física e do Deporte, que terán como madriña e padriño a Marián Fernández Villarino e Alexis Padrón. Os seguintes serán 80 graduados e graduadas en Educación Primaria, pechándose a xornada coas despedida de 70 tituladas e titulados en Educación Infantil, que terán como padriño ao profesor Rubén Domínguez. “O ano pasado, toda a facultade implicouse dunha maneira espectacular para que o acto fose bastante lucido, pero este ano recuperamos a participación dos familiares, o que é un importante valor engadido”, salienta o decano, Óscar García, dunha conmemoración que permitirá pór en valor unhas promocións “que teñen o plus de terse enfrontado a unha situación difícil e tela superado” e aos que a pandemia obrigou “a saber utilizar todos os seus recursos”.