DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta edición do Pont-Up Store desenvolverase entre 18 e o 21 de setembro

Máis de 60 actividades para facer de Pontevedra “o centro da innovación e o emprendemento de Galicia”

46 empresas presentarán os seus proxectos na praza de España

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/09/2019

“Queremos facer de Pontevedra o centro da innovación e do emprendemento de Galicia”. Deste xeito presentaba o profesor Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, o “intenso programa” da sexta edición deste evento dedicado ao emprendemento que se desenvolverá entre o mércores 18 e o venres 21 en diferentes espazos da cidade. Nas xornadas de venres e sábado, 46 novas empresas presentarán os seus produtos e servizos no espazo central situado na praza da España, iniciativa que se verá complementada coa celebración de máis de 60 actividades, coloquios, obradoiros ou presentacións, agrupados nos diferentes espazos que conforman o programa deste evento promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. 

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, e o deputado provincial Gregorio Luís Agís presentaron este xoves xunto a Figueroa o programa deste sexto Pont-Up Store, “unha iniciativa crucial no ano académico e no ano social e económico de Pontevedra”, como lembrou o vicerreitor. Na súa intervención, Soto puxo o acento na importancia dun evento que achega “oportunidades ás persoas que están a facer innovación e economía social, que están a facer pequenos laboratorios creativos dentro das súas empresas” e constitúe para a Universidade “unha oportunidade” para proxectarse como “parte da cidade”. Pola súa banda, Blanco salientou que se trata “dun evento ineludible no calendario do Concello”, mentres que Agís incidiu en como, desde o seu nacemento en 2014, o Pont-Up Store “foise convertendo nun espazo de referencia en Galicia”.

46 exemplos da “xente valente” 

O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. 36 delas contarán cun espazo gratuíto na carpa da praza de España e algunhas delas participarán, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenderán os seus proxectos diante dos e ás responsables de catro empresas, ou serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto dos proxectos empresariais seleccionados de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición, Figueroa puxo o acento en que “practicamente a metade dos proxectos, que veñen de toda Galicia, teñen a súa base no medio ambiente e na sustentabilidade”.

Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos

Grazas á colaboración de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas “nunha serie de bloques que se van consolidando”, apuntou Figueroa. Entre eles, o Laboratorio Creativo que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde terá lugar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns talleres tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital. 

Mantense tamén na programación o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría. “O ano pasado tivo moito éxito e estamos traballando xa para o ano que vén facer un gran evento relacionado cos videoxogos no recinto feiral”, adiantou Figueroa. Por outra banda, o Espazo de Economía Social e Creativa reúne o coloquio e a xuntanza sectorial promovidos por EspazoCoop, a organización dun “mural de cocreación” e unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por Aje Pontevedra, Aempe e Cámara de Comercio.

A igualdade e o emprendemento social gañan presenza

Como novidades desta sexta edición, Figueroa salientou o impulso do “Espazo de Igualdade, co que comezamos o ano pasado con algunhas actividades e que este ano se consolida”. Entre as propostas inseridas neste bloque figura un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas.

O programa complétase co Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural LabVulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes, que agrupa diferentes actividades promovidas por Finsa, xunto cunha carreira de orientación que reunirá a 130 persoas e un coloquio sobre economía social e bancos de tempo. “Queremos que a poboación de Pontevedra pase e vexa esa Galicia real, esa Galicia creativa e de futuro”, concluíu Figueroa dun programa de actividades “no que estamos permanentemente innovando”.