DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición será do 7 ao 13 de xullo no Pavillón de Deportes universitario

Máis de 70 xogadores daranse cita no I Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense

Entregaranse 26 premios por un importe total de máis de 6000 euros

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 01/07/2014

Desde que no ano 2009 se deixou de celebrar o Torneo de Xadrez das Burgas, que tiña unha longa tradición e un consolidado prestixio no contexto galego, os xogadores e as institucións que apoian este deporte en Ourense desexaban a posta en marcha dunha competición que dese pulo ao xadrez e que visibilizase a boa canteira que deste deporte hai na provincia. Finalmente, este desexo verase cumprido coa posta en marcha do I Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, que se celebrará Pavillón de Deportes universitario do 7 ao 13 de xullo.

A primeira edición deste certame foi presentada este martes por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Alfonso Vilachá, concelleiro de Deportes da cidade; Mario Guede, responsable de Deportes en Ourense da Xunta de Galicia; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus, e José Ignacio Salazar, en representación da Asociación Xadrez Ourense Universitario, encargada da organización do evento. “Este torneo suporá un salto cualitativo para o xadrez en Ourense”, destacou Virxilio Rodríguez. A súa celebración, salientou Alfonso Vilachá, “revalorizará o xadrez” e será un evento “moi positivo para a cidade pola cantidade de xente que move unha cita deste tipo”, engadiu Mario Guede.

19 internacionais

Segundo explicou José Ignacio Salazar, na actualidade son xa 70 as persoas inscritas no Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, 19 delas titulados internacionais. “En Ourense temos unha boa canteira de xogadores de xadrez pero faltábanos dar o salto cualitativo e organizar unha cita deste tipo. O pulo que ten o xadrez nesta cidade non é casual, é froito do traballo de monitores de base, de xogadores, de equipos... Esta competición será unha cita moi importante para todos e axudará a potenciar o desenvolvemento integral das persoas, pois o xadrez é deporte, ciencia e arte”, apuntou Salazar. “Desde hai anos temos en mente pór en marcha esta iniciativa e grazas á colaboración de todas as institucións, este ano celebraremos a primeira edición coa idea de que se converta nun referente anual do xadrez”, apuntou por último Rodrigo Alberte Pivida.

O director do torneo será Liño Hermida, responsable do Universitario Campus de Ourense de Xadrez, que este ano quedou primeiro da súa liga, e o árbitro principal será Lukas Iruretagoiena (árbitro internacional FIDE) e o adxunto David González. O torneo repartirá 26 premios por valor máis de 6000 euros e disputarase polo sistema suízo a 9 roldas, entre os días 7 e 13 de xullo de 2014. A cadencia de xogo será de 90 minutos por xogador, aos que se engadirán 30 segundos por cada xogada realizada. As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse na web do certame.