DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase do 5 ao 8 de setembro

Máis de 700 persoas participarán na Coruña no XVI Congreso Internacional de Antropoloxía

As tres universidades galegas participan na súa organización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Diversidade
  • Investigación
DUVI Ourense 04/09/2023

Desde este martes e ata o venres, a cidade da Coruña acollerá a celebración do XVI Congreso Internacional de Antropoloxía, da Asociación de Antropoloxía do Estado Español, baixo a lema Non hai fronteiras?. A cita, á que asistirán máis de 700 persoas, ten como obxectivo a visibilidade dos diversos campos de investigación da antropoloxía, tanto a nivel estatal como internacional.

O congreso está promovido pola Asociación Galega de Antropoloxía e a Asociación de Antropoloxía do Estado Español coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), as tres universidades galegas (Universidade da Coruña, anfitrioa; Universidade de Vigo e Universidade de Santiago de Compostela) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Segundo explican desde o comité organizador, “o evento, ao que asisten máis de 700 persoas, ten como obxectivo mostrar o traballo de especialistas en antropoloxía e disciplinas afíns. É tamén unha invitación a recalcular rutas, debater sobre o que a antropoloxía pode achegar para abordar as crises (sistémicas?) polas que imos transitando: a pandemia da covid-19, a emerxencia climática, a crise dos coidados, as crises identitarias...”.

450 comunicacións e unha mostra audiovisual

A programación arrancará o martes 5 de setembro, ás 19.00 horas, no Teatro Colón coa súa inauguración. A continuación terá lugar a conferencia plenaria, impartida por Rossana Reguillo Cruz e que levará por título Presentes baixo asedio: desafíos para a antropoloxía e o pensamento crítico. A relatora é investigadora nacional emérita do SNI (Sistema Nacional de Investigadores) e membro da Academia Mexicana das Ciencias, profesora-investigadora emérita no Departamento de Estudos Socioculturais do ITESO (Universidad de Guadalajara), coordinadora de Signa_Lab (Laboratorio de Análise de Redes e Sistemas Complexos) e doutora en Ciencias Sociais, con especialidade en Antropoloxía Social.

O mércores 6 comezará o congreso como tal e todas as sesións tanto dese día como dos sucesivos terán lugar na  Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, sede do evento. Presentaranse 450 comunicacións; haberá diversas mesas plenarias, como E se a antropoloxía e a creación artística se atopasen sobre un escenario?; presentacións de libros; mesas ao redor de diversas temáticas, como Antropólogas en España: mestras e discípulas. Diálogos interxeracionais e aprendizaxes feministas na historia da antropoloxía española e múltiples simposios, algúns dedicados exclusivamente ao contexto marítimo. En paralelo ás sesións de comunicacións, terá lugar unha mostra audiovisual de cinema etnográfico aberta á cidadanía. En total mostraranse dez documentais con temáticas variadas, que van desde a música tradicional galega ás violacións dos dereitos humanos das persoas migrantes.

O xoves, no Centro Ágora, terá lugar ás 19.30 horas outra conferencia plenaria: Mudar a pel, impartida por Mari Luz Esteban, Llorián García Flórez e Andrés Rodrigues. “Esta peza orixinal en torno ao dano, os coidados e o acompañamento foi creada no marco das Residencias Incipit de investigación e creación artística, unha iniciativa do Incipit e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia”, sinalan desde a organización. Por último, o venres, no reitorado da Universidade da Coruña terá lugar ás 20.00 horas a conferencia de clausura, impartida por Astrid Ulloa e que levará por título Transicións enerxéticas en contextos indíxenas. A relatora é antropóloga da Universidad Nacional de Colombia, con mestría e doutoramento en Antropoloxía da Universidad de California, Irvine. Profesora titular do departamento de xeografía da Universidad Nacional de Colombia, é directora do Grupo de Investigación Cultura e Ambiente e conta cunha longa traxectoria de investigación sobre movementos ambientais e pobos indíxenas, xénero e feminismos indíxenas, feminismos territoriais, ecoloxía política feminista, territorios indíxenas e extractivismos.