DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de divulgación do grupo de innovación docente MaReMa, financiado pola FECYT

Máis de 800 nenos e nenas de Vigo e Pontevedra achéganse ás matemáticas como unha “ferramenta necesaria” para comprender o mundo

A través dunha serie de actividades que poñen o foco nas súas aplicacións na vida cotiá

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/11/2023

Lonxe de entendelas como unha disciplina que leva á “aplicación de regras de forma mecánica”, as matemáticas poden ser vistas como “unha ferramenta necesaria na vida cotiá e na comprensión do mundo”, o que pode contribuír a aumentar o interese e a curiosidade de nenos e nenas por esta ciencia. Esta idea constitúe o punto de partida de Te lo cuentan las matemáticas, un proxecto de divulgación que leva a máis de 800 alumnos e alumnas de 13 colexios de Vigo e outros tres de Pontevedra a achegarse á utilidade social e tecnolóxica das matemáticas a través dunha serie de talleres impartidos por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de encontros con investigadoras e investigadores. 

“O que pretendemos é incrementar a cultura matemática dos escolares e xerar vocacións matemáticas”, salienta a profesora Marta Pérez, coordinadora deste proxecto do grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas), financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación. A cuarta edición de Te lo cuentan las matemáticas conta así mesmo coa colaboración do Consello Social e a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, así como dos CFR de Pontevedra e Vigo. 

Diferentes talleres e encontros ao longo do curso

Dirixido a complementar a ensinanza das matemáticas no último ciclo de primaria e o primeiro de secundaria, “desde un punto de vista científico, tecnolóxico, transversal, funcional, histórico e de xénero”, Te lo cuentan las matemáticas abrangue a realización de tres bloques de talleres ao longo do curso. Impartidos por preto de 70 estudantes do Grao en Educación Primaria, en cada trimestre levarase a cabo un taller manipulativo e outro tecnolóxico en quinto de primaria e outros dous en sexto. Todos eles articúlanse arredor de aplicacións e profesións vinculadas con esta ciencia e de figuras de referencia, pondo especial énfase neste punto en outorgar visibilidade á traxectoria de mulleres matemáticas.

Esta iniciativa botou a andar este venres, coa realización dos dous primeiros talleres nos 16 colexios participantes; os CEIP Virxe do Rocío, García Barbón, Chans-Bembrive, Carballal, Mestres Goldar, Pintor Laxeiro, Emilia Pardo Bazán, Alfonso Rodríguez Castelao, Paraixal, Illas Cíes, Valle-Inclán, Otero Pedrayo e Javier Sensat, en Vigo; e os CEIP pontevedreses Santo André de Xeve, San Martiño e Ponte Sampaio. Fíxoo co primeiro dos talleres dos bloques Te lo cuentan la criptografía y Te lo cuentan los códigos, no que se empregaron recursos manipulativos como discos de cifrado, botellas de plástico ou escarvadentes. 

Cada un destes bloques completarase á súa vez cun encontro cos novos investigadores e investigadoras, que ademais de afondar na traxectoria das figuras abordadas en cada bloque achegarán os escolares ás súas traxectorias profesionais, co obxectivo de contribuír á espertar vocacións e de rachar cos estereotipos que se asocian aos investigadores e investigadoras neste eido. Nos encontros deste trimestre abordaranse as traxectorias de Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan. No segundo, a actividade centrarase na astronomía, nos movementos xeométricos na arte e nas figuras de Hipatia de Alexandría e Emmy Noether; mentres que o último bloque estará dedicado a mapas e datos, así como a Maryan Mirzakhani e Florence Nightingale. 

Formación e recursos para o profesorado

Nos obxectivos do proxecto figura tamén, como explica Pérez, “mellorar a formación dos futuros e futuras docentes”, convertendo en protagonistas dos talleres ao alumnado da facultade, así como contribuír ao labor do profesorado en activo. Nese propósito insírense as accións formativas que o grupo MaReMa desenvolve nos CFR de Pontevedra e Vigo, nunha edición na que o proxecto insírese no plan anual da Xunta de Galicia para a formación do profesorado. 

Por outra banda, o persoal docente ten tamén á súa disposición na web do proxecto unha conxunto de guías docentes, vídeos, materiais e recursos cos que poder levar ás aulas as diferentes actividades, que este curso contarán tamén cunha edición en galego. Do mesmo xeito, este proxecto financiado con preto de 19.000 euros pola FECYT permite tamén a creación dunha serie de materiais específicos, desde “máquinas criptográficas” a maquetas do globo terráqueo, deseñados para o traballo na aula e que, ao longo do curso, iranse entregando aos diferentes centros participantes. 

Xunto á Perez, no proxecto participan os investigadores José Manuel Casas, Jesús Conde e Beatriz Álvarez, así como os docentes de primaria Lorena Fernández, Benito Gil, María Fernández e Abel, contando tamén coa colaboración dos investigadores da UVigo Xabier Garcia e Ixchel Dzohara Gutiérrez; Pilar Páez, da USC, e das matemáticas Olga Pérez e Andrea Villar.