DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase este mércores ás 12.30 h no salón de actos de Edificio Politécnico

Máis bolsas Erasmus para estudantes na convocatoria do próximo curso 2009-2010

A Universidade de Vigo sitúase á cabeza de Galicia en mobilidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/02/2009

O vindeiro curso, na Universidade de Vigo a oferta de prazas da convocatoria Erasmus volverá medrar e con elas o financiamento das bolsas que percibirán os estudantes que acorden cursar parte da súa titulación no estranxeiro. Con 564 estudantes que marcharon a outros países o curso pasado, a Universidade de Vigo volveuse situar á cabeza de Galicia en mobilidade “tanto en estudantes como en profesores”, sinala Amelia Rodríguez, responsable da Oficina de Relacións Internacionais.
A sinatura de novos acordos con universidades estranxeiras permitiu incrementar o número de prazas que levan aparelladas bolsas cun financiamento que medra ano a ano. “Todos os estudantes”, explica Amelia Rodríguez, “reciben un mínimo de 350 euros, 160 de Erasmus e 190 do Ministerio. Ademais dispoñen dunha axuda de viaxe da Universidade e se foron bolseiros do Ministerio o ano anterior a marchar de Erasmus, reciben 420 euros máis por mes”.
Todos estes datos serán obxecto das sesións informativas que desde este mércores e ata o vindeiro 19 de febreiro se desenvolverán nos tres campus da Universidade de Vigo e nas que tamén se explicarán as características do programa Erasmus prácticas, que permite aos estudantes realizar prácticas en países estranxeiros.

O Erasmus paso a paso

As charlas que impartirá Amelia Rodríguez, xunto con Sandra González, tamén da ORI e Alicia López, da vicerreitoría de Relacións Institucionais, comezan este mércores no salón de actos do Edificio Politécnico e centraranse na convocatoria de bolsas, tanto no referido ao proceso de solicitude como ao importe das mesmas.
A partir de aí, sinala Rodríguez ”os estudantes teñen para elixir como destino as opcións que lles dan os seus centros tendo en conta que hai algúns que se moven máis para favorecer a mobilidade dos estudantes e teñen moita oferta, e hai outros con menos que ao mellor non son quen de animar aos seus estudantes para que marchen”.
Os destinos preferentes dos estudantes da Universidade de Vigo seguen sendo os países máis próximos como Italia, Francia, Alemaña e Reino Unido, aínda que “tamén van moitos a Polonia porque temos moi boa relación con moitas universidades polacas, por exemplo es estudantes de Filoloxía e Tradución teñen moi bo nivel de inglés en Filoloxía Inglesa”, destaca Amelia Rodríguez. Outro grupo importante de estudantes ten como destino Portugal “onde xa se está perdendo esa reticencia a marchar a un país que está tan próximo. A xente xa se deu de conta de que hai moi boas universidades en Portugal e aproveitano”.
Desde a súa experiencia persoal e profesional, Amelia Rodríguez considera que “debería ser obrigatorio que os estudantes marchasen. Saír do país, cambiar de lingua é unha experiencia que logo, cando empezas a traballar, xa non podes facer. Ademais profesionalmente hai empresas que queren Erasmus por que logo teñen que estar viaxando e son xente que son quen de desenvolverse tanto pola lingua como por que a súa actitude é aberta”.

Sesións informativas nos tres campus

Á charla que este mércores terá lugar no campus de Ourense, seguiralle o 16 de febreiro a que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Ao día seguinte o escenario será primeiro a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal do campus de Pontevedra e a continuación a Escola Universitaria de Estudos Empresariais.
O 18 de febreiro desenvolveranse charlas no salón de graos da Facultade de Ciencias Experimentais e no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A última das sesión terá lugar o 19 de febreiro no salón de actos da ETSE Industrial.