DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Domingo Tabuyo, número tres da lista socialista ao Congreso, inaugurou as xornadas “Política na Educ

Máis bolsas e mellores contías, principais apostas do PSOE para a próxima lexislatura

Os vindeiros 4 e 5 de marzo presentarán as súas propostas Iria Aboi, do BNG e Ana Pastor, do PP

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 03/03/2008

Un incremento das bolsas e das súas contías é a principal proposta do partido socialista en materia de formación para a próxima lexislatura. Así o explicou Domingo Tabuyo no relatorio inaugural das xornadas Política na Educación organizadas polos alumnos da titulación de Xestión e Administración Pública da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O número tres nas listas do PSOE de Pontevedra para o Congreso dirixiuse aos estudantes do campus afirmando que “nesta lexislatura houbo 250.000 bolseiros máis que na anterior”. Tabuyo engadiu que “a mellora na xestión do proceso de bolsas o que vai permitir é que en lugar de que soamente o 30% dos bolseiros podan cobrar a axuda no primeiro trimestre, agora é o 70 % e nos vindeiros anos comprometémonos a que sexa a práctica totalidade dos beneficiarios os que poidan facelo”. Pero o candidato socialista non se limitou a falar das bolsas, senón que tamén afondou noutros puntos do programa electoral como a creación dun Estatuto do Estudante Universitario e a implantación do Consello do Estudante Universitario, dous elementos “para facilitar a intercomunicación de todo sistema e especialmente cos alumnos e alumnas”, subliñou Domingo Tabuyo.
Por suposto, a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior tamén ocupou boa parte dos argumentos, sendo outro dos retos que propón o partido para o próximo goberno xunto coa mellora no proceso de transferencia do coñecemento desde as aulas ao eido da empresa.
Tras vinte intensos minutos nos que o representante do PSOE expuxo as principais propostas que afectarán directamente aos membros da comunidade universitaria, Tabuyo tamén tivo que responder ás dúbidas e inquedanzas dos asistentes nun coloquio no que se trataron temas como a situación dos estudantes en prácticas, a escaseza de medios nos centros de ensino medio e a mala retribución dos docentes que, en verbas dun dos participantes, “as veces nos pagan con vacacións o que non nos pagan con salario”.
O candidato socialista foi presentado pola vicedecana do centro, Mónica Valderrama, que substituiu ao vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, na inauguración deste ciclo de conferencias. O cambio de hora do evento e a axustada axenda fixeron que lle fose imposible asistir ao acto.

As propostas do BNG e do PP

As xornadas “Política na Educación” organizadas para dar a coñecer ao alumnado os programas que os principais partidos da nosa comunidade propoñen en materia de formación para a próxima lexislatura, prolongaranse ata o vindeiro mércores 5 de marzo. Na tarde do martes será o turno de Iria Aboi, cabeza de lista do BNG ao Senado, que estará acompañada polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena. Por último, e para rematar o ciclo, Ana Pastor, primeira candidata do PP ao Congreso en Pontevedra, exporá o programa do seu partido o mércores ás 17.00 horas, contando tamén coa presenza do máximo responsable do centro.