DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baloncesto e rugby completarán unha intensa fin de semana deportiva

Máis de cen estudantes percorrerán o Ribeiro nun novo roteiro cultural

Visitarán o mosteiro de San Clodio e participarán nunha cata de viños en Ribadavia

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 19/02/2010

O Ribeiro é o destino do novo Roteiro Cultural que se desenvolverá este sábado e no que participarán un total de 110 persoas entre estudantes da Universidade de Vigo e outros camiñantes alleos á institución académica. O punto de partida do itinerario é O Carballiño, lugar do que sairán os participantes para percorrer un total de 26 kilómetros de dificultade media-alta que os levará polos lugares de Ponterriza, Moldes, Cima de Vila, Pazos de Arenteiro, Lebosende, San Clodio e Ribadavia. José García Calvo, “Willy”, coordinador dos roteiros culturais, asegura que son moitos os atractivos desta nova andaina. Entre eles o de ser un percorrido moi heteroxéneo formado por monte, río, viñas e bosque. Tamén a posibilidade de camiñar preto dos ríos Avia e Barbantiño, “dous ríos angostos, estreitos e moi bonitos que nos permitirán gozar da paisaxe”, explica. No transcurso do roteiro os participantes terán a oportunidade de visitar o mosteiro de San Clodio, en Leiro, unha das construcións arquitectónicas máis emblemáticas de Galicia. Ademais, os participantes poderán gozar dunha cata de viños a cargo do Consello Regulador do Ribeiro que terá lugar na Igrexa da Magdalena, en Ribadavia.

Os xogadores sénior de baloncesto masculino xogan contra o líder

Intensa fin de semana a que lles espera tamén aos equipos universitarios de rugby e de baloncesto. O cadro sénior de baloncesto masculino recibe este sábado no pavillón universitario ao líder da categoría, o CB Allariz. O conxunto afronta este novo partido tras a derrota sufrida contra o Baiona por tan só un punto de diferenza antes do descanso do entroido. Polo que respecta a este novo enfrontamento o adestrador Javier Pérez recoñece que, a pesares de que os dous conxuntos están moi igualados, vai ser un partido “moi complicado”. Segundo explica, “nós temos unha moi pequena vantaxe polo feito de que xogamos na casa pero debemos ter conta que o Allariz leva demostrando durante todo o ano que é un equipo moi forte”. O partido comezará ás cinco da tarde.
As xogadoras sénior de baloncesto, pola súa banda, viaxarán este domingo ata Vigo para enfrontarse ao Área Complexo Deportivo nun partido que dará comezo ás dez da mañá.

O equipo júnior de baloncesto enfróntase ao Cidade de Lugo

Tamén serán días de xogo para os xogadores júnior de baloncesto masculino que este domingo enfrontaranse ao Cidade de Lugo. O conxunto ourensán acude a este novo choque despois da vitoria conseguida a pasada fin de semana contra o Peleteiro de Santiago ao que venceron por 24 puntos de diferenza. Polo que respecta ao novo rival, o Cidade de Lugo, o adestrador Miguel González asegura que van xogar na pista dun dos últimos clasificados da categoría “polo que o noso obxectivo vai ser conseguir a vitoria”. Recoñece, con todo, que o partido non vai ser fácil “porque calquera equipo pode dar a sorpresa na súa casa”, asegura.
O Campus Ourense Rugby, pola súa banda, desprázase esta fin de semana a Vilagarcía para enfrontarse aos Ingleses RC en partido de liga. O equipo viaxa coa moral alta a pesares de que os últimos resultados non foron demasiado bos para as súas aspiracións de saír da zona baixa da clasificación.