DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade dá a benvida a 400 estudantes procedentes de 24 países

Máis de cen matriculados sitúan a Brasil como principal país de procedencia do alumnado estranxeiro

Boa parte dos bolseiros Erasmus seguen vindo de países como Alemaña e Italia

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío / Bea Feijóo DUVI 17/09/2012
Cun total de 107 estudantes brasileiros matriculados nas aulas da Universidade de Vigo, Brasil convértese este curso no principal país de procedencia do alumnado estranxeiro de intercambio en Vigo. Este luns a Universidade deulles a benvida nun acto conxunto no que compartiron protagonismo co resto de estudantes internacionais, 398 mozos e mozas que chegados de 24 países cursarán en Vigo (294), Pontevedra (53) e Ourense (51) parte dos seus estudos. A eles haberá que sumar os que cheguen en xaneiro para estudar aquí o segundo cuadrimestre,xa que ata finais de novembro manterase aberto o prazo para recibir solicitudes.

Hoxe déuselles a benvida en Pontevedra e Vigo e mañá martes farase o propio en Ourense. Na recepción oficial puideron coñecer “os servizos, instalacións e actividades que a Universidade lles ofrece como estudantado estranxeiro”, tal como apuntou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que aproveitou a ocasión para darlles as grazas por ter escollido Vigo como universidade de intercambio. “Poucas veces se reúnen nun lugar persoas de tantas nacionalidades”, subliñou ao seu carón Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais, que lles lembrou que unha das prioridades da ORI é que coñezan Galicia, de aí que programaran, en colaboración coa asociación Erasmus Student Network, diferentes actividades culturais para os vindeiros meses. Xunto a eles os representantes de diferentes servizos universitarios informáronos sobre horarios, programas, cursos e iniciativas de lecer e formación complementaria coas que inserirse na vida cultural das súas respectivas cidades.

Ciencia Sen Fronteiras

O 85% do alumnado brasileiro chega aos campus grazas a posta en marcha do novo programa Ciencia Sen Fronteiras con Brasil, e os demais son bolseiros que se acollen a convenios bilaterais asinados entre a Universidade de Vigo e os seus respectivos centros de orixe, un tipo de mobilidade que facilitou a chegada de alumnado procedente de países como México, Chile, Uruguai ou mesmo Taiwan.

Amanda Mellol e Naity Rodríguez son dúas das estudantes coas que se lle pode por nomes e apelidos a estes datos. Recén chegadas da Universidade Federal de Saõ Carlos en Brasil e da Católica de Valparaiso en Chile, as dúas mozas estudarán en Vigo parte dos seus estudos, ambas as dúas no ámbito científico, Bioloxía unha e Ciencias do Mar a outra. “A oportunidade que nos está a brindar o goberno brasileiro co programa Ciencia Sen Fronteiras é incrible”, subliña Mellol, que admite que nunca pensara en marchar estudar fóra ata que xurdiu esta “magnífica” ocasión, agora está xa instalada en Vigo compartindo piso con outras tres estudantes brasileiras. Ao seu carón Naity Rodríguez explica que ela non podería desprazarse ata aquí se non fose grazas á existencia dun convenio bilateral entre ambas universidades “dous centros nos que os estudos do mar teñen moita importancia”, subliñou, ao tempo que comenta que comparte piso cun italiano e unha polaca “que non fala nin unha soa palabra de castelán, polo que, ao final o máis doado é comunicarnos en inglés”, ao que engade, “é toda unha experiencia que está a resultar incrible”.

Crisol de linguas e nacionalidades

Portugués, inglés, romano, alemán, búlgaro, italiano, francés, polaco… o salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial, lugar no que se celebrou a recepción, viviu este luns unha das súas xornadas máis políglotas. Un ano máis, e pese a ampla presenza do alumnado brasileiro, os bolseiros Erasmus foron maioría, sobre todo alemáns e italianos, que seguen a ser as nacionalidades máis numerosas.

Sina Bridenbach e Julia Vinter, de Alemaña, e Roni Mollman de Estados Unidos son algunhas dos 127 alumnos e alumnas que estudará este curso na Facultade de Filoloxía e Tradución, o centro máis internacional de toda a Universidade se a número de estudantes de intercambio nos referimos, “se ben é certo que a día de hoxe todos os centros e facultades contan entre o seu alumnado con estudantes de intercambio”, subliñou a técnica Eva Garea. Levan un par de semanas en Vigo e o balance é moi positivo “pensamos que vai a ser un moi bo cuadrimestre”, apuntou Julia Vinter nun case perfecto castelán. A diferenza das súas compañeiras elixiu vivir cunha nativa e non con outros estudantes Erasmus “é unha señora maior coa que teño moi boa convivencia”, subliñou, ao tempo que indicou que “vivimos en Vigo pero xa me levou a coñecer outros lugares máis rurais e encántame poder coñecer tan de preto esta cultura”.

Pontevedra, o campus que seduce

O campus de Pontevedra foi o máis madrugador celebrando o acto de benvida aos estudantes de intercambio a primeira hora da mañá. Neste curso 2012-2013, as escolas e facultades do campus acollerán a un total de 53 estudantes dos cales 34 cursarán o primeiro cuadrimestre e 5 o segundo, mentres que 14 permanecerán todo o ano. Brasil é a principal país de procedencia con 15 alumnos, seguido de Italia (12), México (9) e Alemaña (8). A Facultade de Belas Artes recibirá o maior volume de estudantes estranxeiros, un total de 20, seguida de Fisioterapia, de Ciencias Sociais e da Comunicación, de Ciencias da Educación e do Deporte e de Enxeñaría Forestal.

Ademais de Manuel Fernández Iglesias e Eva Garea, o novo alumnado foi recibido pola directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus, Ana Belén Fernández Souto, que explicou a programación cultural e deportiva propia de Pontevedra. “Na súa maioría son actividades gratuítas polo que non dubidedes en enriquecervos da nosa cultura”, aconselloulles aos estudantes estranxeiros e o certo é que están a aproveitar a súa estancia dende os primeiros días, como Ana Silva e Famine Vascolanos, alumnas brasileiras que cursan a titulación de Fisioterapia. “A cidade encántanos, é moi acolledora, cun centro histórico marabilloso e cun clima moi parecido ao da nosa rexión”, comentaron. Moitos dos alumnos que escolleron esta Universidade fixérono polas recomendacións de compañeiros que anteriormente cursaran estudos aquí. As francesas Lucile Martinez e Rose Besnier, estudantes de Belas Artes, así o confesaron e recoñeceron sentirse sorprendidas polo tamaño da facultade, “cunha inmensidade de obradoiros nos que poder practicar e dar renda solta á creatividade”.

Estudantes estranxeiros de intercambio na Universidade de Vigo 2012-2013