DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile cumpre seis anos cun programa de actividades que analizará o emprego de tecnoloxías na mod

Máis Debut que nunca

A directora de Esdemga salientou por riba de todo a “forte implicación” do alumnado nesta edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 09/11/2012

Chegou novembro e con el unha das citas máis importantes en Pontevedra no que a promoción de novos talentos se refire. Arrinca Debut 2012, o evento no que Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, se viste de gala para amosar os proxectos fin de carreira do alumnado de último curso. Este venres, a súa directora, Lola Dopico e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, presentaron unha nova edición do desfile que se celebrará o 22 de novembro no Pazo de Congresos, acompañado dun “innovador” programa de obradoiros e xornadas que achegarán ao estudantado as novas tendencias do sector, sobre todo no relacionado co uso de tecnoloxías na confección.
A directora de Esdemga destacou por riba de todo o papel que nesta edición asumiu o alumnado da escola, “moi comprometido co proxecto”, o que axudou a compensar as consecuencias da conxuntura económica actual. “Debut é para eles unha conexión moi importante co ámbito profesional tras finalizar os seus estudos”, subliñou Dopico que lembrou a complexidade de “pór en pé” unha xornada “que se debe entender como unha presentación de traballos finais de estudos que facemos dende o papel de docentes e estudantes”, pero que na edición anterior logrou atraer a preto de 1400 persoas, “o que mostra o arroupados que estamos pola sociedade”.

Pola súa banda, a vicerreitora do campus tamén felicitou á escola polo esforzo e dedicación a un proxecto “de superación” que supón “sempre unha innovación e ten repercusión na empresa do sector e na sociedade en xeral”. A concelleira de Cultura do Concello pontevedrés, Anxos Riveiro, que tamén acudiu á presentación, apuntou que Debut “é moito máis que unha actividade docente, é un plus para Pontevedra que trae á cidade frescura e innovación”, un traballo con proxección “non só en Galicia, senón no resto do mundo”. Por segundo ano consecutivo, o desfile do 22 de novembro terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra “e esperamos albergalo moitos anos máis”, engadiu a concelleira.

Premios da man de Jesús Peiró

Na noite do 22 de novembro 15 estudantes da última promoción de Esdemga “porán en pé o seu proxecto de moda” fronte a un xurado composto por cinco profesionais do sector, Israel López, manager de desenvolvemento de produto de Desigual; Alexandra McDonald, en representación do portal WGSN “o altofalante máis importante de moda e gurú das novas tendencias”; o novo deseñador Moisés Nieto; Juan Carlos Santos, consultor especializado no luxo e que traballa para marcas como Loewe e un representante da Asociación de Novos Deseñadores de España. A pesar dos momentos de crise, Debut 2012 manterá as dotacións económicas para os dous estudantes que resulten premiados tras o desfile grazas á colaboración da marca catalá Jesús Peiró, “que achegará entre 2000 e 2500 euros ao primeiro clasificado e entre 1000 e 1500 ao que quede segundo”, concretou Dopico, unha axuda “que compensa en parte o investimento feito polo alumnado e polas familias para preparar a súa colección”.

Maquillaxe, fotografía e novas tecnoloxías

Nos tres días previos ao desfile, do 19 a 21 de novembro, a Casa das Campás e a Facultade de Belas Artes acollerán varias actividades pensadas “con moito cariño e coidado” para que o alumnado da escola poida entrar en contacto coas novas tendencias do mercado. O luns darán comezo dous workshops, un sobre maquillaxe e fotografía en moda e outro sobre o emprego de dispositivos dixitais para a aplicación de tecnoloxía no deseño de roupa, impartido por Paola Guimerans, “que acaba de rematar un proceso de formación na Escola Parsons de Nova Iorque”. Tamén dará comezo un obradoiro da man de Marshallah Design, un colectivo alemá especializado no desenvolvemento de patróns a partir do modelado 3D. “Trátase de traer a escola proxectos moi innovadores que fusionen as técnicas tradicionais artesanais coas novas tecnoloxías”, explicou a directora. O mércores dous membros do xurado, Moisés Nieto, gañador do premio L´Oreal 2012, e Juan Carlos Santos serán os encargados de impartir as xornadas profesionais. Ao longo desta semana tamén se revelará o estudante gañador do obradoiro de creación que Esdemga puxo en marcha coa marca Desigual no pasado curso “e que será premiado economicamente e cun contrato de prácticas na empresa”.

A programación da semana pecharase o venres cunha xornada profesional na que o estudantado terá un encontro directo con invitados de empresas punteiras na industria e o comercio téxtil e da moda.