DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto inicia a súa difusión internacional na que América Latina e África son obxectivos prefere

Máis dun cento de persoas traballan na Universidade na elaboración da candidatura de Campus do Mar

O comisionado Emilio Fernández invita á participación de todos os ámbitos da institución no proxecto

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/02/2010

Seis comisión nas que participan máis dun cento de persoas traballan a día de hoxe na elaboración do proxecto co que a Universidade de Vigo aspira a confirmarse como referente nacional en docencia e investigación mariña. Na procura dun sinal de identidade e co obxectivo de aglutinar ao seu redor toda a experiencia que Galicia atesoura nas súas universidades, centros públicos, empresas e sociedade en temas relacionados co mar, a institución académica viguesa articula Campus do Mar, un proxecto co que concorrerá neste 2010 á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación.
Lonxe de partir de cero, Campus de Mar aséntase na posición de referente que en investigación mariña, no ámbito nacional, ostenta Galicia, “un territorio historicamente unido ao mar que é algo que nos define como sociedade e como pobo”, asegura Emilio Fernández, comisionado da Universidade de Vigo para Campus do Mar. Sen embargo, a división que na actualidade existe no sector con moitas pequenas e boas institucións de docencia e investigación impide, segundo Fernández, “converternos nun referente mundial de coñecemento do mar”. Así, Campus do Mar persegue romper con ese illamento e aglutinar todo o coñecemento existente en Galicia en torno a un proxecto común co obxectivo de que “as mellores cabezas do mundo que queiran facer investigación e formarse en temas mariños saiban que o lugar onde teñen que facelo é Galicia e en particular Vigo”, explica o comisionado do Campus do Mar.

Na procura de adhesións nacionais e internacionais

Os centros de investigación e centros tecnolóxicos que teñen relación co mar como o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CISC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), xunto coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, constitúen o denominado núcleo duro do proxecto. Institucións que segundo Emilio Fernández amosaron “unha recepción fantástica” e ás que se pretende sumar ás empresas de ámbito mariño que están no entorno dos campus, ás institucións políticas e a axentes sociais e económicos non directamente relacionados co mar.
Pero o carácter internacional do proxecto obriga á súa expansión fóra de Galicia, concretamente no resto de universidades e centros de investigación localizados en dúas grandes áreas: América Latina e África, “onde agardamos contar con moitos apoios”, sinala Emilio Fernández. Especial atención préstase tamén neste traballo de difusión do proxecto ás universidades europeas e en especial ás do norte de Portugal, concretamente as de Porto, Aveiro e Minho coas que o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, manterá contactos a vindeira semana.

Un proxecto aberto á participación de todos os ámbitos da Universidade

Cunha visión do proxecto que pretende evitar que dentro da propia Universidade se conciba como excesivamente sectorial, as comisións encargadas da elaboración da proposta procuran a colaboración daqueles ámbitos nos que a relación co mar é menos evidente. “Se hai grupos de investigación de Belas Artes ou Humanidades que traballen o queiran traballar en temas relacionados co mar, teñen un lugar no proxecto”, explica Emilio Fernández que recoñece que nunha Universidade que ten unha Facultade de Ciencias do Mar “alguén podía pensar que isto é, por dicilo en linguaxe coloquial, un chiringuito dos investigadores do mar. Nada máis lonxe da realidade”.
Ata o día de hoxe, segundo confirma o comisionado de Campus do Mar, son moitas as persoas e grupos que confirmaron o seu interese por participar do proxecto como, por exemplo no ámbito das TIC, onde xa se definiron liñas de traballo, ao igual que Enxeñaría Industrial ou de Minas, Economía, Tecnoloxía dos Alimentos ou Ciencias Sociais. “O reto agora”, sinala Emilio Fernández  “é incorporar ámbitos como as Humanidades, porque creo que ten que haber un compoñente de Humanidades no Campus do Mar. Eu non entendo un campus de excelencia sen Humanidades porque non entendo unha universidade sen Humanidades”.

Investigación e docencia nun campus exemplar

Tres son os piares básicos sobre os que se asenta Campus do Mar. En primeiro lugar concíbese como un nodo de excelencia da investigación e da transferencia á empresa e dese potencial investigador, a súa vez, xurde coñecemento que se transfire a través da docencia ao estudantado. “Un campus de excelencia é un lugar onde hai docencia de excelencia para estudantes excelentes e a mesma palabra o di, é internacional, o que implica que temos que facer un enorme esforzo para atraer as mellores intelixencia de fóra”, explica Emilio Fernández.
Investigación e docencia a desenvolver nunhas condicións óptimas o que leva aparellado unha nova concepción de cuestións como a cultura, a actividade deportiva, a igualdade, prevención de riscos, sostibilidade, en definitiva “un campus exemplar en todos os sentidos”, sinala Fernández.
Neste proceso de construción do proxecto do Campus do Mar, Emilio Fernández destaca que “o principal é poñer a traballar as intelixencias xuntas, algo que neste intre non sucede” polo que nun campus de excelencia internacional as infraestruturas “nunca poden ser obxectivos”. Aínda así engade que “en todos aqueles aspectos nos que se precise unha infraestrutura para favorecer que esas intelixencias traballen de forma conxunta, o proxecto ten un programa fundamentalmente asociado a aspectos comúns de benestar no campus, así como necesidades que haxa en investigación e docencia”.

Un gran potencial para facer fronte a unha enorme competencia

A existencia en España de varios centros de investigación mariña e a posibilidade de que á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional concorra algún proxecto con obxectivos comúns aos de Campus do Mar, lonxe de menoscabar o ánimo dos autores desa iniciativa, semella ser un reto. Así, Emilio Fernández tras recoñecer que a competencia é extraordinaria e que hai en España centros de investigación mariña de gran calidade, ten claro que “non hai un lugar en España onde conflúan no mesmo territorio as potencialidades que nós temos”. O comisionado do Campus do Mar xustifica esta afirmación en evidencias como que Galicia é o único lugar de España onde todos os centros públicos de investigación que teñen relación co mar teñen institutos; onde a comunidade autónoma tamén ten varios institutos relacionados co mar; onde existe unha Consellería do Mar e onde hai un potencial empresarial e pesqueiro tan importante. “Non me dá medo que haxa outras candidaturas de campus do mar, que as vai haber”, afirma Emilio Fernández que ten claro que “só temos unha posibilidade que é facer unha candidatura excelente. Se somos quen de facer un gran proxecto e a resolución é xusta, que non me cabe ningunha dúbida que o será, o noso potencial é enorme”.
E que ocorre se a candidatura da Universidade de Vigo non é seleccionada? “Se non somos seleccionados iso servirá como plan estratéxico dun futuro campus do mar que se financiará antes ou despois e levarase a cabo algo máis tarde se non gañamos o concurso. Pero se levará a cabo, sen dúbida”, afirma Emilio Fernández con rotundidade.