DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá un Curso de Atención Especializada a Enfermos de Alzhéimer

Máis formación para atender mellor a 5000 ourensáns con demencia

A iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, AFAOR e a Fundación Dorzán

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/02/2013

Segundo os datos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Ourense AFAOR, nesta provincia hai arredor de 5000 persoas diagnosticadas con algún tipo de demencia, entre elas o alzhéimer. Para mellorar o coidado deste colectivo e das familias afectadas, no mes de marzo comezará no campus un Curso de Atención Especializada a Enfermos de Alzhéimer. A iniciativa, froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, AFAOR e a Fundación Dorzán, tamén quere abrir aos futuros egresados unha nova saída profesional.

O curso foi presentado este venres por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Juan Ramón Álvarez, presidente da Fundación Dorzán, e Óscar Doval, xerente de AFAOR, asistindo tamén ao acto Secundino Vidal e José Manuel Canal, vicepresidente e xerente respectivamente da Fundación Dorzán, e Quina Pérez, secretaria de AFAOR. “Esta iniciativa é moi interesante porque permitirá mellorar a atención ás persoas que padecen alzhéimer e outro tipo de demencias e tamén axudará á formación especializada dos nosos estudantes. Agardamos que a colaboración coas entidades participantes non quede neste curso e se poida ampliar a outras accións”, destacou María Lameiras durante o acto de presentación. Desde a Fundación Dorzán, o seu presidente quixo recalcar o interese desta iniciativa no marco das actividades da súa entidade destinadas a incrementar a calidade de vida das persoas maiores. “Estamos ante unha enfermidade cada vez máis estendida e hai que apostar pola formación especializada”, engadiu Juan Ramón Álvarez.

Non hai unha diagnose 100% segura

“Os contidos do curso estarán dirixidos non tanto a ofrecer unha atención básica aos pacientes senón á súa estimulación e á das súas familias. Hai que ter en conta que a demencia non só a sofre o enfermo senón tamén os seus familiares”, explicou Óscar Doval. O técnico de AFAOR quixo chamar a atención sobre a importancia desta formación especializada pois, subliñou, aínda que as cifras oficiais falan de 5000 persoas diagnosticadas con demencia na provincia este dato é moito máis elevado na realidade. “Ante os primeiros indicios de enfermidade aquí téndese a dicir que esa persoa “chochean” e se é reacio a buscar unha diagnose médica”, advertiu. Sobre esta cifra tamén destacou a dificultade de identificar concretamente os casos de alzhéimer, pois é un tipo de demencia da que non se pode ter unha diagnose 100% segura ata que se realiza a autopsia da persoa que supostamente o padecía.

“O importante é que ante o máis mínimo indicio a persoa acuda á consulta do seu médico de cabeceira. A diagnose precoz é moi importante para tratar este tipo de enfermidades”, subliñou Doval. O alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa que se manifesta nas persoas que o padecen como deterioro cognitivo e trastornos de conduta, polo que se soe confundir con actitudes típicas da vellez ou do estres.

O curso, que contará con 40 horas teóricas e 20 de prácticas na asociación, está dirixido á estudantes e profesionais do ámbito das ciencias da saúde, como poden ser traballadores e educadores sociais, psicopedagogos, psicólogos e terapeutas ocupacionais. Con 20 prazas dispoñibles e un custe de 25 euros, conta co recoñecemento dun crédito ECTS e dous créditos de libre elección. As clases comezarán en marzo e rematarán en maio.