DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iníciase o curso Planificación, Estratexias e Comportamento Fiscal do Contribuínte

Máis información e formación para optimizar a factura con Facenda

Cinco expertos ofrecerán as claves para unha mellor xestión neste eido

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/11/2011
En tempos de crise máis ca nunca se lle quere sacar o maior rendemento posible a calquera investimento ou gasto que se realice. Unha das posibles vías para acadalo é a través dos impostos que se pagan. Para axudar ás persoas físicas e xurídicas a optimizar a súa relación coas administracións tributarias, o campus de Ourense celebra desde este luns o curso Planificación, Estratexias e Comportamento Fiscal do Contribuínte. O seu obxectivo é amosar aos asistentes a tomar as mellores decisións e a empregar os recursos que ten á súa disposición para que as contas con Facenda sexan as mellores posibles.

O curso, que conta co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación de Ourense, foi inaugurado este luns polo seu director, Alberto Vaquero, e por Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que quixo salientar o interese dos contidos que se abordarán nas diferentes sesións das que consta a iniciativa e que se prolongarán ata o día 21 de novembro.

“Este curso é complementario a outro, máis básico que celebramos en maio e xuño, coincidindo coa campaña de IRPF. A diferenza del, este segundo versará sobre aspectos tan importantes para o contribuínte como a planificación fiscal, en especial a optimización da factura fiscal. Así abordaranse cuestións tan fundamentais como a mellor elección da forma empresarial e as actuacións máis recomendables para o investimento”, destacou Alberto Vaquero.

Catro inspectores de Facenda

Segundo salientou o director do curso, durante a súa celebración tamén se profundizará nos recursos e procedementos que pode interpor o contribuínte ante as diferentes administracións tributarias, a fórmula que debe empregar e a argumentación fiscal para a seu defensa, entre outros aspectos. Os 35 matriculados tamén coñecerán cal é a mellor elección que poden facer entre os diferentes instrumentos financeiros, conxugando rendibilidade financeira e fiscal. Por exemplo, verán ata que punto interesa contratar un plan de pensións ou un seguro de vida, ata cando é fiscalmente aconsellable hipotecarse ou en que investir os aforros.

Nos dous últimos módulos, explicou Alberto Vaquero, analizaranse cuestións prácticas como cal é o calendario fiscal do contribuínte, os diferentes modelos de liquidación, como se deben de cubrir e presentar, etc. Finalmente, os asistente realizarán unha sesión nos laboratorios de informática para familiarizarse cos programas electrónicos de contido fiscal actualmente dispoñibles.

"Trátase pois dun curso máis avanzado, onde ademais de que os alumnos aprendan a liquidar certas cuestións poden ir máis alá, mellorando a súa estratexia fiscal coas diferentes administracións tributarias”, advertiu o director do curso. Para acadalo, dos cinco conferenciantes que participarán catro son inspectores de Facenda, o que permitirá, segundo os organizadores, achegar a realidade dos impostos aos asistentes.