DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Conferencia da RedOtri 2011 aposta por potenciar o vínculo empresa-universidade

Máis e mellor transferencia para cambiar o modelo produtivo

Máis de 100 técnicos das Oficinas de I+D de 70 institucións españolas participan nesta cita

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/06/2011
Cun sistema económico en crise o cambio de modelo considérase imprescindible para buscar solucións a curto e longo prazo. Neste cambio, as universidades, como principais xeradoras de coñecemento, están chamadas a xogar un papel fundamental. Entre outros aspectos, a través dunha maior e mellor transferencia ao tecido empresarial do coñecemento e tecnoloxía que xorde nos seus laboratorios. Para avanzar nesta cuestión, máis dun cento de técnicos das Oficinas de I+D de 70 universidades e outras institucións españolas reúnense este xoves e venres en Ourense na súa cita anual, a Conferencia RedOtri.

A iniciativa, organizada pola Universidade de Vigo e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas CRUE co patrocinio da Fundación Barrié de la Maza e a Tecnopole, ten como obxectivo afondar en aspectos de actualidade que afectan ás Oficinas de I+D, centrándose nesta ocasión na propia profesión dos técnicos que traballan nelas. O acto de inauguración este mércores contou coa participación de Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense; María Asunción Longo, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus; Juan José Moreno, director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; José Carlos Gómez, vicerreitor de Investigación da Universidade de Cantabria e representante sectorial de I+D da CRUE; José Luis Pérez, subdirector xeral de Transferencia e Valorización do Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación, e Javier López, director xeral da Fundación Barrié, entre outras autoridades.

Motor da sociedade

Mª Victoria Jato salientou no acto de inauguración que “a nova Lei de Ciencia inclúe o mandato ás administracións públicas de fomentar a valorización do coñecemento co obxectivo de que os resultados de investigación se transfiran á sociedade e transformar a economía española nunha economía baseada no coñecemento”. Para aproveitar esta oportunidade, a vicerreitora destacou a importancia de dar un paso máis na dotación de persoal altamente cualificado nas OTRI e na actualización das súas competencias para adecuarse aos obxectivos das universidades e ser capaces de xestionar con rigor e de forma eficaz e eficiente o conxunto de actividades a desenvolver.

Na mesma liña, José Carlos Gómez, vicerreitor de Investigación da Universidade de Cantabria e representante sectorial de I+D da CRUE, advertiu que "nestes momentos críticos a universidade ten que ser motor da sociedade” e salientou o papel dos técnicos das OTRIs neste proceso, “pois o traballo dos investigadores é investigar e o dos técnicos de transferencia transferir esas investigación á sociedade e á empresa”. Juan José Moreno, director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación, tamén fixo fincapé neste tema e destacou que “a transferencia é algo tan antigo como as universidades” pero agora afronta un papel fundamental “no cambio da universidade, que camiña cara unha universidade emprendedora, innovadora, cunha relación intensa coa empresa e nun marco de internacionalización e calidade”.

Moito por facer

Pola súa banda, José Luis Pérez, subdirector xeral de Transferencia e Valorización do Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación, salientou que esta análise do papel das OTRIs “é posible neste momento porque, dúas décadas despois da súa creación, hai unha masa crítica suficiente para prantexar este tema”. Para seguir avanzando, advertiu, é fundamental a nova Lei de Ciencia, que “fala explicitamente da transferencia e recoñece o papel das Oficinas”, e reivindicou “máis e mellor transferencia de coñecemento” para o un maior e mellor desenvolvemento. No mesmo sentido, José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, fixo fincapé en que “a forma principal de innovación é ir ás organizacións investigadoras, como as universidades, e a transferencia da innovación é unha misión estratéxica delas”. “Queda moito por facer, moito coñecemento por valorizar e moita innovación por pór en marcha baseada na investigación”, sinalou Díez ao mesmo tempo que animou ás OTRIs a continuar co seu traballo.

Por último, Javier López, director xeral da Fundación Barrié, quixo aproveitar a destacada representación institucional presente no acto de inauguración para pedir ás administracións e universidades “máis flexibilidade para axilizar a relación empresa-universidade” e un cambio na linguaxe, pois, advertiu, son moi diferentes entre o ámbito público e o privado. Entre outras cuestións, López salientou a importancia de acometer unha reforma da política de mecenado, para facilitar o interese de entidades privadas e particulares en investir en investigación e innovación.