DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade xa asinou máis de 8500 convenios para a realización de prácticas

Máis prácticas profesionais para o alumnado da Universidade de Vigo da man da S.A de Xestión do Plan Xacobeo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/09/2008

Os estudantes da Universidade de Vigo en xeral e os que cursan a Diplomatura de Turismo no campus de Ourense, en particular, son os destinatarios das prácticas preprofesionais que se desenvolverán ao abeiro do convenio asinado hoxe entre o director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area.
As prácticas preprofesionais que os estudantes desenvolverán nas dependencias da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, facilitarán a preparación para o exercicio profesional en áreas operativas relacionadas coa súa formación universitaria e as posibles saídas profesionais desde o estudos cursados na Universidade de Vigo.

O 75% do estudantado realiza prácticas antes de rematar a carreira

Trala sinatura do convenio, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, lembrou que “a Universidade ten asinados máis de 8500 convenios con empresas e institucións para a realización de prácticas, o que permite que o 75% do noso estudantado faga prácticas antes de rematar a carreira”.
Area que destacou as “excelentes relacións” que existen entre a Consellaría de Innovación e Industria e a Universidade de Vigo a través do único Máster en Innovación que dirixe a profesora Ana Gueimonde ou o Proxecto Ronsel, lembrou en relación coa titulación de Turismo que “no curso 2009/2010 ofertaremos o primeiro Grao en Turismo de Galicia, unha oferta á que se engade o Posgrao Oficial en Dirección e Planificación de Turismo”. Ademais de sinalar as excelentes relacións que a Universidade de Vigo mantén cos organismo e empresas do sector turístico, o vicerreitor de Relacións Institucionais lembrou a participación na docencia de destacados expertos do sector procedentes de entidades como a Asociación de Balnearios de Galicia e empresas como El Corte Inglés ou o Hotel Ritz.

A S.A de Xestión do Plan Xacobeo

A promoción turístico-cultural e a dotación de servizos dos Camiños de Santiago, son as principais finalidades da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, unha empresa pública dependente da Xunta de Galicia. Vinculada na súa creación en 1991 á Consellería de Relacións Institucionais, integraríase posteriormente ao organigrama da Consellaría de Cultura, para formar parte desde 2005 da estrutura da Consellaría de Innovación e Industria e máis concretamente da Dirección Xeral de Turismo, responsable das competencias de promoción turística e do Camiño de Santiago.