DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os interesados poderán presentar a súa solicitude ata o 8 de febreiro

Máis prazas en máis países para potenciar a mobilidade do estudantado

A Universidade debuta en Alxeria, Marrocos, Tunes, Costa Rica e Rusia e aumenta un 44% as bolsas par

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 16/01/2013

Mergullarse nunha cultura diferente, traballar cunha metodoloxía distinta, mellorar o idioma, facer currículo pero, sobre todo, vivir unha experiencia internacional que lle axude a abrir a mente con todas as garantías de obter o recoñecemento académico. Para potenciar esa mobilidade estudantil, a Universidade de Vigo acaba de abrir as convocatorias das bolsas Erasmus e de convenio propio para o vindeiro curso, o 2013/2014. Os interesados en participar en calquera dos programas terá ata o 8 de febreiro para presentar a súa solicitude na Oficina de Relacións Internacionais con toda a documentación precisa, específica para cada unha das convocatorias.

As principais novidades desta nova convocatoria será a incursión en cinco países do norte de África, América Latina e Europa cun total de 20 novas prazas. Deste xeito, abrirase o prazo de solicitude para cubrir catro vacantes para cada un dos novos destinos: Alxeria, Marrocos, Tunes, Costa Rica e Rusia. A presenza de alumnado da Universidade de Vigo tamén se dispara no continente americano, pasando en Chile de 24 a 28 prazas e aumentando un 44% o número de bolsas para estudar en México, onde chéganse ás 78 prazas fronte ás 54 que se outorgaron neste curso.

Incremento tamén en Asia, coa sinatura de convenios de colaboración con novas universidades que permitirá pasar de ter catro a ter 12 estudantes en China e de catro a seis en Corea. A única baixada na oferta prodúcese en Brasil, ao incorporarse a Universidade de Vigo ao programa Ciencia Sen Fronteiras, e en Estados Unidos (de oito a catro), xa que se “dispón dun programa propio de mobilidade con eles, o ISEP”, explica Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo. En canto ás bolsas Erasmus, “o vindeiro curso manteranse máis ou menos coma sempre, xa que calquera cambio notarase coa implantación do novo programa 2014-2020”.

Información e probas

Cada convocatoria publicarase na páxina web da Oficina de Relacións Internacionais, onde os interesados atoparán información sobre prazos, requisitos e documentación necesaria para optar a algunha das bolsas. De todos os xeitos, a ORI, en colaboración cos responsables de relacións internacionais da Universidade de Vigo, organizarán entre hoxe e o 31 de xaneiro sesións informativas en distintos centros dos tres campus.

Por outra banda, o alumnado que non posúa certificacións que acrediten o nivel de idioma que precisa para a súa estadía fóra (inglés, francés ou alemán), deberán realizar as probas convocadas polo Centro de Linguas. O prazo para rexistrarse e poder presentarse aos exames de acreditación remata o 17 de xaneiro. Toda a información estará a disposición dos interesados en Bubela e na propia web do Centro de Linguas.

Cifras históricas

O presente curso, a Universidade de Vigo acadou un récord de participación por parte do alumnado en programas de mobilidade internacional. En total, 711 estudantes realizaron algunha estadía no estranxeiro, a maioría nalgún país europeo como estudante Erasmus, pero tamén en Estados Unidos como ISEP ou nalgún dos países cos que a institución viguesa ten asinados convenios, como América Latina, Australia o Taiwan.