DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto en rugby coma en baloncesto perderon os seus encontros contra o Mareantes RC e o Reale Thebes

Unha mala fin de semana para os primeiros equipos do campus

As xogadoras de baloncesto acadaron a única vitoria da xornada

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 22/10/2012

Esta fin de semana os equipos universitarios do campus de Ourense xogaron as súas respectivas ligas con desigual sorte. En rugby, a categoría sénior masculina debutou na competición cunha axustada derrota contra o Mareantes RC. Tamén perderon o seu encontro os xogadores do Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino sénior contra o Reale Thebes. O resultado positivo da xornada veu de man do equipo feminino de baloncesto, que iniciou a súa participación na liga 2012/2013 cunha vitoria fronte ao ED Lourenza Ensino. Todos os conxunto universitarios xa están agora xogando as súas respectivas competicións.

En rugby

O equipo sénior do Campus Ourense Rugby comezou o sábado día 20 a tempada oficial disputando un encontro contra o Mareantes RC. A primeira cita dos ourensáns na Liga Galega de Rugby saldouse cun resultado moi axustado de 22-20 puntos. Con este marcador e a pesar da derrota sufrida, os responsables do equipo universitario salientan a boa actitude do conxunto e o bo xogo amosado polos xogadores adestrados por Américo Gómes. O contrapunto ao equipo sénior puxéronno na xornada da fin de semana os cadetes de rugby, que gañaron aos Ingleses de Vilagarcia por 10 a 46 puntos.

En baloncesto

En baloncesto, a sorpresa positiva da xornada veu de man do Universitario Campus de Ourense feminino sénior. As xogadoras que adestra Adrián Álvarez gañaron o sábado ao Compañía de María por un marcador final de 64-36. Estes bos resultados animan ás xogadoras a enfrontar con moito ánimo unha nova tempada na que agardan consolidar os resultados obtidos a liga pasada.

Pola súa banda, o equipo sénior masculino de baloncesto continúa a súa andaina na 1ª división sénior masculina e este fin de semana sumou unha derrota contra o Reale Thebes por 80-65 puntos. Este marcador sitúa aos xogadores ourensáns no onceavo posto da competición, con dous partidos xogados e acumulando unha derrota e unha vitoria. Un resultado desiguais que o vindeiro sábado o conxunto adestrado por Toni Garda intentará mellorar no seu encontro contra o CB Noia.