DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a tutela de Angélica Ferro Cid

A mala planificación do tempo é o principal problema dos estudantes que acuden ao Gabinete Psicopedagóxico

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 09/02/2009

Na vida dun estudante existen momentos de estrés e inseguridade nos se que precisa de axuda para saír adiante, por este motivo son necesarios servizos como o Gabinete Psicopedagóxico que ofrece orientación académica e persoal a todos aqueles que perderon o camiño.
Esta oficina comezou a súa andaina en abril do 2008 e dende entón a súa responsable Angélica Ferro Cid, educadora social e psicopedagoga, non parou de traballar. “O balance deste primeiro ano é moi positivo, porque sendo un servizo que comezaba de cero, xa conseguimos que o empreguen bastantes alumnos”. Coma todos os inicios este tamén foi complicado, “o que máis custou foi poñerse en marcha xa que ata a miña chegada o que existía era un servizo esporádico pero sen localización fixa”. Na súa opinión, “é precisa a existencia deste tipo de axudas se buscamos unha calidade da educación”.
Neste momento, Ferro enfróntase a planificación do seu segundo ano ao fronte do gabinete e os seus obxectivos continúan na liña de dar a coñecer o servizo. “Quero que máis alumnos saiban da miña existencia e que é o que lles podo ofrecer”. Ademais pretende retomar actividades que xa se fixeron o ano pasado e poñer en funcionamento outras novas. O máis inmediato é a realización, no segundo cuadrimestre, “dun obradoiro de técnicas de estudo que rematará cun pequeno módulo de relaxación”. Ao seu remate, comezará o Relaxoves, unha actividade en grupo que busca ofrecer técnicas de relaxación ante situacións de crise. “Explícanse métodos anti estrés que teñen que ver coa respiración ou o masaxe e ademais aproveitamos, para algunhas sesións, os recursos naturais dos que dispoñemos en Ourense, como son as termas”.

Orientación académica e persoal

Os servizos que ofrece o gabinete abarcan tanto a orientación académica como persoal aos alumnos. No primeiro caso, Ferro orienta aos usuarios na elección de optativas, técnicas de estudo ou sobre como enfrontarse aos exames. No tocante aos problemas que teñen que ver co ámbito persoal, “o máis habitual son problemas de ansiedade ou estrés que adoitan estar relacionados coa faceta estudantil”. O que pretende o gabinete é abordar a problemática do usuario dun xeito integral, “xa que as veces unha situación ven provocada por outra e viceversa”.
O principal problema ao que se enfronta Ferro no seu día a día é cos estudos. “O fracaso neste ámbito adoita vir derivado dunha mala planificación”. A maioría dos estudantes non emprega ningún tipo de técnica de estudo nin fai unha programación do seu tempo, por iso chega un momento no que “a cantidade de materias e magnitude de todas elas acábaos desbordando”. Isto fai que comecen a suspender, o que soe provocar ansiedade e o bloqueo cando chegan aos exames, “é un círculo vicioso do que custa saír.”
Ante esta problemática Ferro ensina aos estudantes técnicas de estudo, “a base do éxito está na organización”. En primeiro lugar o seu labor comeza facendo, xunto co alumno, unha planificación semanal das horas do día, tendo en conta todas as facetas da súa vida, “non se trata de que dedique dez horas a estudar, senón de que nun mesmo día lle de tempo a facer de todo pero sen que ningún elemento sexa fonte de estrés”.
Tras estes primeiros pasos o seguinte aspecto que se aborda é o lugar de estudo, “é importante que sempre sexa o mesmo, que estea limpo e ordenado e que dispoña de todas as cousas precisas”. Unha vez traballado o espazo e as horas que se van dedicar a cada disciplina, “comezamos a falar de como abordar cada materia, en función de se son máis teóricas ou prácticas”. Neste apartado, Ferro, soe contar coa axuda de alumnos dos últimos cursos, “xa que eles son os que mellor coñecen as dificultades e os que mellor poden asesorar aos que están comezando”. O obxectivo dos seus consellos é que o estudante atope a forma máis eficaz de enfrontarse a cada materia, de xeito que o esforzo que invista sexa rendible”.

Perfil dos usuarios

Principalmente solicitan os servizos de Ferro dous tipos de alumnos. Por unha banda, a gran maioría, que acude a pedir información sobre cursos, materias, titulacións, etc, “unha información específica e esporádica”. Este grupo é o que máis esta a aumentar en número, xa que o Gabinete Psicopedagóxico “é o único servizo informativo que funciona polas tardes e iso anima a moitos alumnos que non poden acudir de maña”.
De outro lado, atópase o grupo de persoas que solicitan axuda de tipo máis persoal, “este tipo de usuarios son menos en número, sen embargo son máis constantes, acudindo unha ou dúas veces por semana ao gabinete”.
Todos os que precisen axuda ou consello, tanto académico como persoal, poden visitar o Gabinete Psicopedagóxico no soto do Edificio de Ferro en horario de maña de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. Tamén poden realizar as súas consultas no teléfono 988 368 913 ou enviando un correo electrónico a psicogabinete@uvigo.es