DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Malabarismo, humor e acrobacia con sabor “retro brake”

Beto e Tornillo son os compoñentes do grupo Malabreikers que hoxe visitou o campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 28/10/2009

Malabarismo, humor e acrobacia mestúranse no espectáculo de rúa que a compañía Malabreikers presentou este mediodía no campus. Un gran número de asistentes e curiosos achegáronse ata o centro comercial da Cidade Universitaria, que estaba atestado ao coincidir o espectáculo coa hora do almorzo.
Cada un dos protagonistas da actuación interpreta a un personaxe. Beto é o inocente e habilidoso. Pola contra, Tornillo é algo torpe, o que lle causa algúns ataques de celos. Con este argumento mesturaron os seus papeis en clave de humor cos números circenses e aseguraron as risas do público cos chistes, o break, os malabares e o reto do monociclo xigante, un dos seus números máis salientables, que causou moita expectación entre a xente cando Beto saíu do escenario e comezou a andar entre as mesas mentres Tornillo o perseguía. Deste xeito, Malabreikers puxo unha nota de comicidade e bo humor que contaxiou aos asistentes.
Este espectáculo formaba parte da programación organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes en colaboración con Caixanova. As actuacións continúan mañá xoves co concerto que o grupo Covalblú ofrecerá no Teatro Vidal Bolaño, unha actuación centrada na fusión da música tradicional galega e diversos estilos coma a bossanova e o blues.

Traxectoria e formación da compañía

Roberto Carlos Rodríguez Ramallo (Beto) e Daniel Sánchez Rodríguez (Tornillo) coñecéronse no 2005 cando ambos traballaban na compañía de teatro Tragaleguas. É entón cando se propoñen crear un espectáculo de pequeno formato e xorde a idea de Malabreikers. Dende o seu inicio, as actuacións teñen un grande éxito e sorprenden pola súa calidade e orixinalidade, chegando a actuar en importantes festivais como o de Lavapiés-Latina ou o de Cazorla. Grazas ao seu traballo constante, Malabreikers acumula numerosos premios, entre eles o “OFF” do Festival Internacional de Teatro de Rúa de Valladolid no 2006 e o máis recente, o primeiro premio do Certame Intergaláctico Festiclown de Galicia na edición do 2007.