DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anna Champeney, JJ Boullosa, Guy Pranzili e Silvia Fervenza inician os obradoiros ao abeiro de Debut

Man a man cos artesáns do deseño téxtil, a xastrería e o estilismo

As actividades continúan este martes cun taller sobre retoque dixital de fotografía de moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/11/2013
As súas mans manexan coa mesma destreza fíos de cores, unha tesoira ou un pincel. Os seus dedos acarician con similar mimo unha lanzadeira, un anaco de xiz ou un guecho de pelo. Anna Champeney, JJ Boullosa, Guy Pranzili e Silvia Fervenza, son quen , a pesares do diferente das actividades ás que se dedican, de transmitir a través dos útiles de traballo que sosteñen nas súas mans a devoción que profesan polos seus traballos. Con profesións moi distintas, aínda que co nexo común da actividade artesanal, a deseñadora e creadora de tecidos de fibras naturais, Anna Champeney; o xastre JJ Boullosa e o perruqueiro e a estilista, Guy Pranzili e Silvia Fervenza, comparten este ano a tarefa de transmitir os segredos da súa arte ao alumnado de Esdemga que participa nos obradoiros que se desenvolven esta semana ao abeiro da nova edición de Debut que se celebrará o vindeiro xoves.

Acompañada dun pequeno tear, Anna Champeney comezou este luns no Cubo a impartir un obradoiro de tecido artesanal, unha actividade pola que hai máis dunha década abandonou o Reino Unido e a súa profesión de historiadora da arte. Dende entón e desde o único estudo deseño téxtil da Ribeira Sacra, especializouse no deseño e elaboración de tecidos con fibras naturais , empregando máis de dez liños diferentes cos que elabora a súa propia gana de cores de extracción artesanal. Hoxe rodeada de estudantes de Esdemga afanábase en explicarlles o proceso de cruzamento entre a trama e a urdidoira polo que se conseguen as telas.

Colaborador habitual de Esdemga, JJ Boullosa non dubida ante o seu alumnado á hora de coller o ferro e pasalo por riba do anaco de chaqueta recén cortado. O xastre pontevedrés con máis de tres décadas de experiencia ás súas costas explica con detalle todo o proceso de confección dunha americana elaborada a medida dunha das estudantes: tomar medidas, cortar a tela, montar dianteira, probar para axustar ...

De probas, sobre todo coa luz, tamén sabe moito o dúo formado por Guy Pranzili e Silvia Fervenza, perruqueiro e estilista que traballan desde finais da década dos 90 para firmas como Bimba y Lola, Carolina Herrera, Patrizia Avendaño, Nanos… Ademais realizan traballos para as pasarelas de Milán e Paris en shows de Alexander McQueen, Burberry, Cavalli ou Etro. Armados con pinceis, sombras de ollos, bases, peites e secadores, e cunha estudante como modelo, Pranzili e Fervenza deixaron claro que o seu é traballo en equipo, axustado ao medio no que moven (revista, desfile, etc..) e sempre en coordinación cos deseñadores que botan man dos seus servizos.

Retoque dixital para fotografía de moda para pechar a oferta de obradoiros

Este martes súmase á programación de obradoiros o de retoque dixital para fotografía de moda a cargo de Mariana Maglio, titulada en 2005 na Escola de Imaxe e Son de Vigo e que traballa no estudo fotográfico La Nevera 2000, onde é responsable de tratamento e procesado de posproducción dixital, traballo que compaxina como especialista freelance para fotógrafos do país.

Os obradoiros rematarán o mércores un día antes da celebración o xoves 21 de novembro dunha nova edición de Debut, o desfile de moda no que se presentan os mellores traballos fin de estudos dos alumnos e alumnas dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza. Preto de 70 modelos vestirán as 19 coleccións ideadas e confeccionadas por outros tantos estudantes.Outra das tradicionais actividades paralelas a este desfile son as xornadas técnicas profesionais, que ofrecen aos estudantes de moda a posibilidade de realizar as súas primeiras entrevistas de traballo. Para iso, na mañá do venres haberá na Casa das Campás, un encontro con responsables de recursos humanos de sete empresas confirmadas ata o momento. Posteriormente, poderán tamén asistir a un relatorio de Enrique Loewe que afondará, a partir das 12.30 horas, no papel da artesanía na nova sociedade.

A programación complétase con dúas exposicións que se poderán visitar no Pazo de Congresos o propio día do desfile. Por unha banda, no Proxecto Desigual recóllense os traballos que os estudantes realizaron a partir desta marca, coa que Esdemga ten un convenio para completar a formación dos futuros deseñadores. Esta actividade está coordinada polo creador José Castro que, xunto con Marc Calabia, director do produto desta marca, avaliarán as propostas dos estudantes. A outra exposición recolle os traballos do Proxecto Punto: Knitting Experience no que, coa colaboración da deseñadora Sara Coleman, os alumnos e alumnas realizan propostas baseadas no punto.