DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os nenos e nenas recolleron este venres varios dos produtos que plantaron na horta escolar

Mañá de colleita na Escola Infantil

O obxectivo desta actividade é que os cativos e cativas coñezan onde e como nacen estes alimentos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 27/06/2014

Dado que moitos dos nenos e nenas da Escola Infantil residen nunha contorna urbana, non resulta estraño pensar que algúns nunca tiveron a oportunidade de ver medrar unhas fabas ou ter na man a un polo nacido hai poucos días. Mais iso é algo que non lles acontece aos cativos deste centro do campus, que desde hai un ano cultivan leitugas, tomates, fabas ou pementos na súa horta escolar, a onde na mañá deste venres lles tocou acudir a retirar da terra os froitos do seu traballo, para logo ter tamén a oportunidade de ver, tocar e observar a uns pitos que hai poucos días saían do ovo.

“É importante que os nenos saiban de onde veñen os alimentos, que vexan que nacen na horta e non no supermercado”, destaca a directora da Escola Infantil do campus, Ángeles Rodríguez. Iso é o que se pretende lograr precisamente coa horta escolar que se atopa ás portas do centro e onde “grazas á colaboración da Universidade, comezamos hai un ano cunha actividade que lles encanta", relata Rodríguez. Esta non é outra que plantar, regar e colectar tomates, pementos fabas ou leitugas, como veñen facendo desde entón coa axuda do profesorado do centro. "É algo que lles encanta, de feito van todos os días a regar ou a ver como van medrando as hortalizas", apunta a directora do centro. Mais desta volta, non tocou sementar nin regar, senón recoller boa parte das leitugas que plantaran no mes de maio e que xa se atopan listas para pasar da terra á mesa.

Respecto pola terra e polos animais

Para completar esta mañá de aprendizaxe vinculada ao medio natural, a Escola Infantil contou nesta xornada cun grupo de visitantes moi especiais, uns pitos que hai poucos días rompían a casca e que unha profesora da escola levou ata o centro coa idea de amosar a nenos e nenas “a importancia que ten o respecto polos animais”, como relata Rodríguez. “O obxectivo desta actividade é que os vexan e os toquen, que aprendan a convivir cos animais e que non lles teñan medo”, engade a directora do centro.