DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xestores deportivos amosaron a cara máis mercantilista do fútbol no Curso de Alta Dirección

O mánager deixa de ser representante para converterse en propietario de xogadores

O director de márketing do RC Celta sinala que a imaxe de equipo debe desvincularse dos resultados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 15/09/2011

Para a maioría dos seareiros, o fútbol é unha paixón que enche estadios e bares cada fin de semana. Mais, este xoves especialistas e profesionais deste deporte que participan no Curso de Alta Dirección de Empresas deron a coñecer outra vertente do fútbol, “a de negocio tanxible, a dos despachos”. Os relatores descubriron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a cara máis mercantilista do deporte recoñecendo que hai un abismo entre a imaxe idealizada dos afeccionados “e o problema real que se está vivindo”. A ambición económica dos representantes de xogadores, o endebedamento e a falta de responsabilidade na xestión son as principais deficiencias dun sistema “que se mantén grazas á entrega dos seguidores”, aseguraron.

Javier Picallo, comentarista de radio e representante de xogadores, Pablo Estévez, avogado e axente FIFA, e Elías Espiñeira, ex director xeral do Pontevedra Fútbol Club, falaron dos grandes lastres do fútbol profesional en España como o novo rol que están asumindo os axentes de xogadores ao querer converterse en propietarios dos futbolistas. Así, “en vez de defender nas negociacións o interese do seu representado, buscarán en primeiro termo os seus maiores beneficios económicos”, explicou Picallo. Esta nova “multipropiedade” prexudica aos equipos de fútbol “porque entrarían en conflitos de intereses cos representantes, perdendo a total capacidade de decisión sobre o futuro do xogador”, ademais de camiñar cara unha “futura descapitalización dos equipos”, engadiu Espiñeira.

Neste contexto, Picallo tamén fixo alusión á lexitimidade profesional dos axentes FIFA e das trabas administrativas e legais que a Federación Internacional impón por ter a súa sede en Suíza. “Estamos ante un organismo que lexitima para negociar fichaxes de xogadores a Nuria Bermúdez e impón unha infinidade de cláusulas a un avogado que leva exercendo máis de vinte anos”, puntualizou.

Pedir explicacións da xestión do equipo

O endebedamento dos equipos de Primeira División tamén foi obxecto de debate, pois “21 dos clubs da liga española están suxeitos á Lei Concursal”, comentaron. Asumen que o problema de fondo provén da falta de esixencia de responsabilidades á hora de xestionar un equipo de fútbol. Os expertos puxeron o caso do conselleiro delegado do Atlético de Madrid, Miguel Ángel Gil Marín, “quen continúa ao fronte dun equipo aínda que en 2004 fora condenado polo Tribunal Supremo”. Igualmente, “que entre o 60% e o 90% do orzamento dun equipo estea destinado a gastos de persoal deportivo tampouco axuda”, sinalou Pablo Estévez

Lograr unha imaxe desvinculada da pelota

O director de márketing do Real Club Celta de Vigo, Camilo Lobato, tamén participou este xoves no curso de Alta Dirección para falar das particularidades de traballar como xestor dunha empresa deportiva. Puxo de relevancia a necesidade de desvincular a proxección pública dun equipo de fútbol dos resultados logrados no campo, optando mellor por o camiño das emocións. “En vez de vender goles, achegamos valores de exclusividade, proximidade, compañeirismo...”, apuntou Lobato que sinalou que esta é unha estratexia válida tanto para a captación de novos abonados, “que queremos que sexan celtistas durante toda a súa vida, como de patrocinios".

Citroën, Estrella Galicia, Cocacola e Novacaixagalicia son os grandes patrocinadores do club, “os que permiten sacar adiante o orzamento cada ano”, explicou Lobato. Tal é a súa importancia nas contas do equipo que, segundo apuntou o director de marketing do Real Club Celta, “débense mimar máis que a ninguén pois queremos que sigan con nós 20 anos máis”,. A gran vantaxe é que ofrecen accións cun gran valor emocional para os usuarios, “pero sen custo para o Celta”, de aí que os medios de comunicación “vexan ao equipo como un competidor, como un soporte máis que axuda a outros a proxectarse e a xerar diñeiro”, concluíu.