DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Asociación Xuvenil Amencer organizará actividades deportivas e de ocio do 14 ao 18 de xullo

Polas mañás é tempo de xogar no campus

A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de 5 a 16 anos de idade

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 09/07/2014

Coa chegada do verán chegan as vacacións dos máis pequenos e pequenas da casa e é o momento de buscarlles entretementos que lles permitan divertirse e aprender cousas novas. Para os rapaces e rapazas de 5 a 16 anos de idade, a Asociación Xuvenil Amencer organizará do 14 ao 18 de xullo actividades deportivas e de ocio no campus de Ourense. Trátase dunha nova edición das súas Mañás Lúdico Deportivas que terán como escenario o Pavillón universitario.

A iniciativa foi presentada este mércores polos seus organizadores e por Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. Segundo explicaron os seus promotores, as Mañás Lúdico Deportivas é un proxecto que pretende educar en valores a través do xogo e do deporte, favorecer a creatividade de nenos e nenas e a participación e o traballo en equipo. Cada mañá, a sesión constará de dúas partes. A primeira estará destinada a actividades deportivas, que os inscritos elexirán no momento da matrícula, podendo escoller entre baile moderno e voleibol. Logo dun pequeno descanso para reporse da actividade deportiva, será o momento de actividades lúdicas, coma grandes xogos, obradoiros, xogos populares, piscina e un longo etcétera de opcións.

O horario será de 10.00 a 13.30 h. Ademais haberá servizo de gardería de 9.00 a 10.00 h e de 13.30 a 15.00 h. O prezo da actividade é de 40 euros por semana para cada persoa inscrita e de 35 euros para irmáns e socios de Amencer e do Club de Voleibol As Burgas. Para máis información, as persoas interesadas deben contactar coa Asociación Xuvenil Amencer no enderezo electrónico amencer@amencer.org ou no teléfono 988 218 123.