DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na representación de teatro de rúa desde mércores

Mandarina reivindica o orgasmo como cousa de mulleres

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría  DUVI 25/11/2009
Na xornada na que se celebra o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Mandarina reivindicou no espectáculo que este mediodía representou no Centro Comercial de Cidade Universitaria, a sexualidade como foco de poder das mulleres. Na obra El orgasmo es cosa de mujeres, a actriz arxentina Laura Muñoz fai una alarde de intelixencia, humor e ritmo, nun espectáculo que sorprendeu ao público que se deu cita para presencialo pola súa espontaneidade e elocuencia.
“Falo da miña vida”, confesa Mandarina, “como por exemplo a negativa da miña avoa a que fose artista, porque segundo ela as mulleres non temos sentido do humor. Unha afirmación que conseguín desfacer”. Na obra, na que a actriz arxentina fala tamén sobre a política do seu país e de circunstancias como o “corralito” que a obrigaron no seu día a abandonalo, a sexualidade feminina é unha constante. Así a doutora á que Mandarina dá vida e que resulta ser profesional na profesión e amoral no amor, insiste en que “o poder das mulleres radica na sexualidade” e refírese ao clítoris como “un punto de poder e enerxía feminina”.
Nacida en Bos Aires , Laura Muñoz , comezou a subirse aos escenarios cando só contaba 12 anos e desde entón, e a pesar dos consellos en contra da familia, converteuse en actriz e clown. No ano 2002 chega a Barcelona e tres anos máis tarde funda Mundo Mandarina, compañía na que crea, actúa e produce os seus propios espectáculos nos que combina o clown, maxia, monicreques, monólogos e teatro físico, tanto o público infantil como adulto.

Teatro e máis teatro

Pez en Raya serán os encargados de tomar o relevo a Mandarina, aínda que será sobre os táboas do Vidal Bolaño onde representarán o vindeiro día 3 a obra Lo celebro. O teatro de rúa volverá ao Centro Comercial o vindeiro día 9 coa compañía Peter Punk.