DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Maratón Solidario celebrado no Pavillón Universitario do campus congregou a máis de 50 persoas

As maniotas pagan a pena cando se doan 120 quilos de comida

A vicerreitora do campus amosouse moi satisfeita cos resultados acadados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 15/12/2011

120 quilos non foi o peso que adelgazaron en total os máis de 50 participantes na oitava edición do Maratón Solidario de Aeróbic, senón a cantidade de comida que doaron a cambio de dúas horas de exercicio. A iniciativa, organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Servizo de Deportes da Universidade, contemplaba que cada persoa entregase un quilo de alimentos non perecedoiros para os máis necesitados a cambio dunha clase intensa de aeróbic, “proposta que se cumpriu con creces porque houbo casos en que entregaron a tres e a catro quilos de comida”, comenta Gustavo Loureiro, técnico de Deportes do campus e principal impulsor da actividade.

A xornada deste mércores converteuse nunha fusión de diversión e solidariedade, “nunha auténtica festa do deporte que serviu ademais de punto de encontro entre xente nova e non tan nova”, sinala Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra. Blanco móstrase moi satisfeita cos resultados acadados “conseguindo que a Universidade de Vigo contribúa a mellorar a calidade de vida dos máis necesitados na nosa contorna máis próxima”, engade. Quere agradecer o compromiso dos e das participantes “que se animaron a facer exercicio de forma solidaria a pesar do mal tempo”. Os 120 quilos de comida recadada foron entregados ao comedor social dos Padres Franciscanos de Pontevedra que sirve cada día máis de cen comidas, o que supón “unha pequena colaboración con unha institución que se atopa desbordada, xa que cos tempos que corren conta cun maior número de xente á que atender”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus.

Mellores datos que o ano pasado

Moitas foron as caras coñecidas do campus que se achegaron ata o Pavillón Universitario para pasar un bo rato facendo exercicio. A clase, impartida polos monitores das Escolas Deportivas da Universidade de Vigo, incluíu tres modalidades distintas de aeróbic, con media hora de aerodance, aerobox e zumba, unha disciplina de fitness de orixe colombiana que mestura pasos de baile latinos con exercicios aeróbicos. “Os asistentes non contaban con que a clase fora tan intensa, pero todos mantiveron o tipo ata o final”, comenta Loureiro. A sesión rematou cun estiramento no que se comezou a sentir o cansazo,  aínda que todos coincidían que “as maniotas pagaban a pena por esta boa causa”.

Para o técnico de Deportes, os bos resultados de recadación son consecuencia das novidades incluídas nesta edición. “A zumba e o seu ritmo latino atraeu a moita xente interesada en aprender algúns dos pasos de baile”, declara, ademais de organizalo a unha hora máis temperá “o que axudou a que participara algún que outro neno”.

Para manter o ritmo, os participantes recibiron bebidas isotónicas e barras enerxéticas doadas por Gadisa e tamén unha camiseta de agasallo, cortesía de Punto Deporte. “Gráficas Sogal tamén colaborou en esta iniciativa solidaria, facendo promoción do evento nas rúas de Pontevedra coa pegada de carteis”, comenta Fernández Souto.