DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escrito por Xosé Antón Sarmiento, profesor da Universidade de Vigo

Un manual pioneiro para achegar o Dereito Parlamentario ao público

Etiquetas
  • Vigo
Jessica Fdez. DUVI 10/02/2012

Escribir unha obra "con carácter didáctico e accesible" para o entendemento do Dereito Parlamentario "que sigue a proxectos previos consolidados para a mellora da normativa galega”. Esas son as razóns que motivaron a Xosé Antón Sarmiento, letrado oficial maior do Parlamento de Galicia e docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a escribir o libro Manual Parlamentario. Guía para os deputados e deputadas do Parlamento de Galicia. O documento, o primeiro deste tipo publicado en España, permite dar a coñecer o funcionamento da institución a un amplo público, superando a barreira que separa aos cidadáns das normativas.

Xurdido tras a publicación en 2010 do Manual de Dereito Constitucional no que o autor reflicte as prácticas para un estudo comprensivo da materia, o volume ten como obxectivo adaptarse á realidade xurídica e converterse no punto de referencia de consulta para todas as persoas que queiran aproximarse á institución.

Interese máis alá das nosas fronteiras

Ata o momento ningunha cCámara lexislativa de España contaba cun manual semellante. A súa utilidade, tanto para xuristas como para políticos, funcionarios ou xornalistas espertou o interese de parlamentos mais aló das nosas fronteiras "e, de feito, o manual vaise presentar a fin de mes en varios parlamentos en México”. Para o autor, “este documento segue proxectos consolidados de mellora da normativa galega, continuando a publicación do libro sobre a Reforma do Estatuto de Galicia no ano 2005 e que tivo unha excelente acollida entre os estudosos da materia”, explica.

O manual, que se pode obter de balde na web oficial do Parlamento de Galicia, está dirixido a un grupo moi amplo de destinatarios, algo que condicionou dende o primeiro momento a forma de expresar o seu contido. Deste xeito, e a pesar de é unha materia específica do Dereito, combina o rigor xurídico cun estilo ameno, directo e innovador que o fai comprensible ao público en xeral.

Proxectos de futuro

Para Sarmiento é importante seguir traballando no tema, involucrándose en novos proxectos que sigan a estela marcada polos últimos traballos realizados e centrándose “na publicación de e-books en materia constitucional e parlamentaria”, xa que como conclúe o profesor, "a grande eiva da literatura científica galega é a ausencia dun Tratado de Dereito Autonómico en formato dixital”.