DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de CCSS e da Comunicación Xabier Rolán publica un libro de iniciación a WordPress

Un manual para rachar coas barreiras de entrada ao deseño web 

A publicación céntrase no xestor de contidos máis empregado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/03/2019

Como unha primeira aproximación ao mundo do deseño web, dirixida a “aquelas persoas que teñan a inquedanza de iniciarse no desenvolvemento web e crear as súas propias páxinas, pero que nunca se atreveron”, presenta o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán Diseño de páginas web. WordPress para todos los públicos, un libro centrado no sistema de xestión de contidos de código aberto empregado para a creación de preto da terceira parte das páxinas existentes a día de hoxe en internet. Publicado pola editorial Universitat Oberta de Catalunya (UOC), trátase dun manual dirixido a “reducir as barreiras de entrada” para que, valéndose deste software libre e dos múltiples complementos xerados pola súa comunidade de usuarios e usuarias, unha persoa sen coñecementos previos de programación poida deseñar e xestionar o seu propio espazo na rede.

“Agora mesmo, case calquera persoa pode iniciarse no mundo do desenvolvemento web, o meu obxectivo é axudar a eliminar ese case”, sinala Rolán do propósito dun libro que, recoñece, non está dirixido a persoas con experiencia e formación previa neste eido, senón para achegar os “recursos necesarios” para, por unha banda, resolver os “problemas máis básicos” no proceso de creación dunha web e, por outra, "poñelos sobre a pista de como solucionar os máis complicados”, dando así resposta, sinala, “a unha demanda importante de saber facer nunha contorna que é moi competitiva”. Para iso, centra este libro nunha “das mellores ferramentas que existen hoxe en día no mercado” para a creación, edición e xestión de páxinas web, WordPress”, dada a súa “versatilidade para noveles e expertos e pola súa escalabilidade para todo tipo de proxectos”. 

As dúas vertentes do deseño web

Con ese propósito, o manual, que conta co prólogo de Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre WordPress máis visitado, busca recoller “os mellor das dúas vertentes do deseño web”, sinala Rolán. Así, por unha banda, o manual achega unha serie de nocións sobre deseño web, arquitectura da información, principios de organización ou interacción co usuario, para logo, nunha segunda parte, “pasar a acción” e guiar ao lector no proceso de implantación deses conceptos nun proxecto real.

Con esa dobre vertente, o libro arrinca cunhas primeiras nocións “do que é a web”, lembrando nese senso que esta “nace no eido universitario e desde a contorna do coñecemento libre e por iso internet é gratis, porque os seus creadores liberaron a patente. Outra cousa é a conexión, pero non pagamos unha taxa por navegar pola rede”, apunta o docente, quen nesta primeira parte incide tamén en que, máis aló da aparencia gráfica, “a web non cambiou demasiado desde se creou ata agora, segue sendo o mesmo, seguen sendo contidos”. Así mesmo, este primeiro bloque dedica un dos seus capítulos a unhas primeiras nocións da linguaxe de programación hmtl e das follas de estilo css, posto que se ben WordPress dispón de recursos para crear unha web sen ningún coñecemento de programación, “chegará un momento no que para modificar un determinado elemento visual, necesites tocar as súas folas de estilo”  

O momento de pasar á práctica

A partires de aí, o libro céntrase na aplicación práctica desas nocións, valéndose da versión liberada WordPress.org, “que tes que xestionar ti pero que ofrece unhas posibilidades moito maiores”, partindo nese senso do propio proceso de instalación do software e dos conceptos de dominio e aloxamento. Xunto cunhas primeiras nocións de como é o traballo con este xestor, Martínez Rolán detense neste apartado nun dos principais valores de WordPress, os milleiros de complementos xerados pola comunidade de usuarios e usuarias, poñendo o foco naqueles centrados en cuestións de seguridade, posicionamento en buscadores e análise da interacción dos usuarios, optimización e realización de copias de seguridade, así como naqueles outros complementos que permiten “engadir funcionalidades á túa web”.

Finalmente, o libro detense no propio deseño visual do espazo a través de maquetadores visuais, “ferramentas que che permiten deseñar sen necesidade de manexar código, mediante un modelo de filas e caixas nos que vas introducindo os diferentes bloques de contidos e recreando o armazón” do portal. Concretamente, Martínez Rolán céntrase no maquetador Divi, “porque a curva de aprendizaxe é máis fácil e desde o minuto cero podes comezar a crear xa a túa web”.