DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Potenciarase a vertente internacional do eido cultural e deportivo

Manuel Fernández Iglesias asume a fusionada Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais

Trala marcha de Xosé Henrique Costas, para centrarse nun labor investigador “que teño enferruxado”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/04/2013

Con ilusión e co reto de que a internacionalización calle tamén no eido cultural, deportivo e no voluntariado. O ata agora vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, tomou posesión este luns como vicerreitor da nova e refundida Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, trala marcha de Xosé Henrique Costas, que deixa o seu cargo ao fronte de Extensión Universitaria para centrarse nun labor investigador “que teño enferruxado”.

A fusión destas dúas áreas baixo a dirección de Fernández Iglesias abre novas vías de traballo que permiten ampliar e estender a visión de internacionalización, prioritaria a Universidade e Vigo, alén do eido da mobilidade. Ademais, é unha mostra máis do traballo colaborativo e estreito que ambos departamentos viñan desenvolvendo ata o momento. O reitor, Salustiano Mato deu a noraboa a Fernández Iglesias, “por aceptar este novo reto e ampliación de competencias” e agradeceu a Xosé Henrique Costas o seu traballo nestes tres anos”, lamentando ter que prescindir dun “magnífico vicerreitor”.

Pulo á internacionalización

A fusión de ambas vicerreitorías plasma a aposta da institución académica pola internacionalización, por unha internacionalización que chegue a todos os eidos da vida universitaria, dende a xestión ata a investigación e dende a docencia á cultura. Como explicaba Manuel Fernández Iglesias na súa toma de posesión, “neste mandato unha das novidades foi crear a Vicerreitoría de Relacións Internacionais e, tras estes tres anos, creo que se lle dou un pulo importante á internacionalización da Universidade con medidas como o Plan de Internacionalización Lingüística, as dobres titulacións, a libre mobilidade...”

Agora, aproveitando esta nova estrutura, tratarase de estender esa visión global que ten a Universidade a todas as accións de Extensión Universitaria, como cultura, deporte, voluntariado, etc. O obxectivo, en palabras do vicerreitor, “é construír enriba do que xa construíu Quique, xa que herdo unha situación realmente interesante”.

No tocante ás liñas de actuación, o vicerreitor apuntou a varios puntos clave, como o eido da discapacidade, “que é foco das políticas europeas”, o achegamento á sociedade da contorna e a potenciación do voluntariado. Fernández Iglesias destacou tamén o importante papel que xogarán os estudantes estranxeiros que recalan nos tres campus, que servirán como vínculo entre a vertente de Relacións Internacionais e a de Extensión Universitaria. “O obxectivo é proporcionarlles unha experiencia que vaia máis aló da parte académica, para que coñezan unha cultura e unha realidade diferente”.

A curto prazo hai xa dous grupos de traballo en funcionamento, un deles centrado precisamente no voluntariado. “Estamos preparando unha convocatoria para colaborar coas ONG’s da contorna de maneira que a comunidade universitaria poida facer voluntariado no estranxeiro”, mentres que tamén se avanza na posibilidade de o alumnado estranxeiro que veña á Universidade de Vigo teña a oportunidade de facer voluntariado na nosa contorna. Tamén se tratará de avanzar na mobilidade internacional para o programa para maiores das Aulas de Formación Aberta.

Dun xeito máis inminente, a vindeira semana celebrarase no campus de Vigo a International Administrative and Teaching Staff Training Week, unha iniciativa que é unha bo exemplo dos resultados positivos da colaboración entre as vicerreitoría de Extensión Universitaria e de Relacións Internacionais. Trátase dun programa de internacionalización que reunirá entre os días 6 e 10 de maio a persoal da administración e servizos e persoal docente e investigador de diferentes institucións europeas para intercambiar experiencias deportivas e poñer a semente para futuras actividades.

Un adeus para volver á investigación

Na súa despedida, Xosé Henrique Costas agradeceu ao reitor ter confiado nel para este posto, “posto que intentei levar da maneira máis digna e profesional posible; foi unha etapa de aprendizaxe, intensa, e saio desta vicerreitoría, como diría aquel poema de Méndez Ferrín, A un meu fillo, ‘cargado de sabedoría’”. Agradeceu tamén aos demais membros do equipo, “compañeiros, xa amigos, que compartimos moitas alegrías e moito traballo”. A súa marcha responde a unha volta ao labor de investigación, “ao que volvo, despois de trece anos de xestión, con moito máis coñecemento do que é a Universidade, e podo dar moito máis nas aulas e en todo o que se me pida de aquí en diante” .

Doutor en Filoloxía Galega, Xosé Henrique Costas é especialista en Historia e Dialectoloxía do Galego e centrou boa parte da súa traxectoria investigadora na sociolingüística das linguas europeas minorizadas. Tras máis de 20 anos como docente universitario, ao longo da súa carreira foi tamén director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina entre o ano 2000 e o 2006 e director da Área de Normalización Lingüística entre 2006 e 2010, ano no que entra a formar parte do Equipo de Goberno do actual reitor, Salustiano Mato. En 2012 incorporouse á Real Academia Galega como académico correspondente.

A senda da investigación levarao no vindeiro curso a terras do Brasil e a Serdeña xa que, como explicou, estase a fraguar un proxecto con dúas universidades do estado de Baía e máis a continuación dun traballo que se está a desenvolver no núcleo universitario de Nùgoro, na Sardeña.