DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os concertos prolongarase ata a noite con The Noisers, Fainoti, Sinestesia, Belöp e Soundshepard

Manuel Manquiña inaugura Santa Kata lembrando a tradición da festa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 29/04/2010

Logo dunha semana de programación con conferencias, obradoiros e proxeccións de filmes musicais en torno ao tema da música no cinema e na publicidade chegou o gran día. O alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebra hoxe a súa patroa, Santa Catarina de Siena, cunha gran festa continua con actividades de ocio e concertos para todos os gustos. Foi o actor Manuel Manquiña o encargado de ler o pregón. Inaugurou a xornada facendo un repaso pola tradición do festexo máis arraigado do campus. Rematou o seu discurso cun streap tease parcial para ataviarse co kit Santa Kata e brindar con cervexa.
Os preparativos comezaron ben cedo e ás 12.00 horas a organización abriu as barras e a xente comezou a aproximarse ao campus, ambientado cunha carpa dj, e onde se organizaron diversos xogos e concursos. O brilé, os futbolíns, unha gymcana e, sobre todo, o tradicional Mundialito Santa Kata de fútbol foron os maiores atractivos da oferta de lecer da celebración.
Ao final da mañá déronse a coñecer tamén os resultados das votacións dos Premios laranxa e limón ao mellor e ao peor profesor do centro. Chechu Pérez foi elixido como o docente máis queridos polo alumnado de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas. O outra lado da balanza inclinouse cara a Pedro Pablo Gutiérrez, que asumiu con humor o premio limón.

Tarde musical con todos os estilos para mover o corpo

O escenario tamén quedaba listo esta mañá na carpa instalada diante do centro para que a música non deixe de soar ao longo de toda a tarde. Santa Kata trae este ano un programa moi variado froito dunha escolla realizada a partir das múltiples ofertas que recibiron a través de eventos no Facebook e no Tuenti, segundo explican os organizadores.
Os concertos comezarán as 16.00 horas co grupo The Noisers, unha banda formada por catro mozos pontevedreses que mesturan blues, rock, punk e mesmo hardcore melódico. Deseguido subirá ao escenario o grupo Fainoti, chegado desde Bueu co obxectivo de divertir ao público a ritmo de swing, reggae e ska. A media tarde será a quenda das letras intimistas dos composteláns Sienestesia e das guitarra á vez electrizantes e melódicas dos redondeláns Belöp.
Os engargados de pechar a festa no campus serán os compoñentes da banda de Vigo Soundshepard, gañadores do Maketón Estrella Galicia en 2006. Ofrecerán máis dunha hora de música en directo sen pausa, percorrendo ritmos desde o jazz ata o metal, o groove ou o funk. Con todo, a festa non remata aquí e seguirá de madrugada na Sala Karma cos grupos Igloo, Diadermin, The Fingers e Yani Como e mais cos dj's Charli-e e Iván.