DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sala de exposicións do campus, que iniciou unha nova etapa con esta mostra

‘Manuel Moldes. Vieiros na memoria’ poderá visitarse ata o 11 de xaneiro

Amplía a súa duración e pecharase coa presentación do seu catálogo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 07/12/2021

O 15 de novembro a sala de exposición do campus iniciaba unha nova etapa baixo a denominación de Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, en homenaxe a este pintor pontevedrés e docente da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017. Facíao coa exposición Manuel Moldes. Vieiros na memoria, unha mostra que puña o foco no interese do artista polo debuxo e polo grafismo aplicados á pintura, que prorroga agora o seu período expositivo e poderá visitarse ata o 11 de xaneiro. Comisariada por Sara Donoso, a clausura desta exposición estaba inicialmente prevista para o 15 de decembro, mais finalmente trasládase ata o martes 11 de xaneiro, cando se pechará coa presentación do catálogo desta mostra por parte de Donoso e do profesor Marcos Covelo, responsable do deseño desta publicación, realizada en risografía no marco do selo editorial da facultade Error es bien.

Manuel Moldes. Vieros na memoria reúne unha serie de obras que o artista desenvolveu na súa maior parte a finais da década de 1990, coincidindo coa súa incorporación como docente á Facultade de Belas Artes. A mostra reúne, por unha banda, as obras que conforman a súa serie Vieiros, un conxunto de cadros que teñen precisamente o seu nexo de unión no debuxo, “como disciplina autónoma, pero tamén como bosquexo e como parte dun proceso preparatorio”, explicou Donoso. Xunto a estas obras, preséntanse tamén tres debuxos realizados por Moldes en 1977 e nunca expostos previamente. 

A exposición pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes os luns e xoves entre as 10.00 e as 20.00 horas, os mércores entre as 10.00 e as 16.30 horas, e os venres entre as 15.00 e as 18.30 horas, coa excepción do período non lectivo correspondente co Nadal.