DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante de LADE só precisa sumar 20 puntos

Manuel Pena será o primeiro Gran Mestre Internacional de Xadrez da Universidade de Vigo

O equipo de xadrez da Universidade é xa un referente nacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 16/12/2008
Manuel Pena, estudante de Dirección e Administración de Empresas, está moi preto de se converter en Gran Mestre Internacional de Xadrez, un título que ata o de agora non conseguiu ningún alumno da Universidade de Vigo. Coa celebración de diferentes torneos e o inicio da Liga, a partir de xaneiro de 2009, Pena terá oportunidades de sumar unha puntuación máis que suficiente para que a Federación Internacional de Xadrez o distinga como Gran Mestre. Ata o de agora, xa acadou este verán o recoñecemento de Mestre Internacional de Xadrez despois de sumar 2.467 puntos que o sitúan como o segundo mellor xogador galego; “moito esforzo e constancia son as claves do título”, declara Pena.
A distinción de Mestre Internacional xa fora conseguida polos xogadores do equipo Pablo García, Rafael Rodríguez e Roberto Páramos, pero Pena será o primeiro alumno da Universidade en acadar o título de Gran Mestre Internacional.

Xadrecista dende moi pequeno e con grandes retos

Manuel Pena comezou dende moi novo a xogar ao xadrez, como quen practica calquera deporte, lee cómics ou escoita música no seu tempo libre, “para min o xadrez sempre foi un hobbie, unha maneira de diversión”, explica. Pero do entretemento pasouse á competición e con tan só oito anos Manuel formou parte dun colexio de xadrez para escolares e, a partir de entón, desenvolveu a súa carreira profesional ata hoxe.
Fai catro anos que pertence ao equipo da Universidade, co que acadou os seus maiores resultados entre os que destacan a vitoria no Aberto Internacional sub-20 San Agustín en Avilés, a norma de Mestre Internacional obtida no Aberto da República Checa e o ascenso a Primeira División no Campionato de España. “Estou inmerso nun proxecto interesante que me dá confianza e gañas de seguir loitando por acadar o máximo” subliña. Facer un bo xogo en equipo na elite do xadrez nacional e chegar a ser Gran Mestre son agora os retos deste deportista. E para lograr isto último Manuel só precisa de sumar vinte puntos máis en diferentes competicións, a máis achegada: o Torneo Maxistral de Elgoibar que se está a celebrar no País Vasco ata o vindeiro venres, un certame onde se enfronta con outros nove xogadores de diversas nacionalidades entre os que destacan o Gran Mestre ruso Oleg Korneev e o galego campión de España David Lariño. E xa deseguido, o día 20 de decembro en Madrid, tomará parte no Campionato de España Absoluto de partidas rápidas. No comezo de ano os compromisos de Pena centraranse na axuda ao equipo na Liga Galega e na disputa, na segunda quincena de febreiro, do Aberto Internacional Aeroflot en Moscú, o torneo aberto máis importante do circuito internacional.

O xadrez na Universidade

O sección de xadrez da Universidade está atravesando fronteiras e xa é un referente en España, Europa e mesmo a nivel internacional. Co apoio sempre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, a escola deportiva medra con arraigo na comunidade universitaria e nas competicións federadas non se deixan de rexistrar éxitos tanto en equipo como de xeito individual, erixindo á Universidade coma o principal referente do xadrez na nosa comunidade autónoma. “O soño de dar a coñecer o xadrez, pero non só coma disciplina deportiva, senón coma ciencia, arte, ferramenta educativa, incluso coma unha menciña para moitas enfermidades, estase facendo realidade”, expón Pablo García, coordinador da sección de xadrez da Universidade.
No mes de xaneiro comezará unha nova andaina para estes deportistas chea de campionatos, torneos e demais probas a superar, no que hai que destacar a presenza do primeiro equipo na División de Honra da Liga Galega e na primeira división nacional, loitando con oito equipos de toda España.
Paralelamente, enmarcado nun proxecto de investigación e desenvolvemento, a sección de xadrez e a ETSE de Telecomunicación están a dar os últimos pasos de cara a creación dun grupo de traballo centrado na mellora da tecnoloxía existente e no desenvolvemento doutra propia da Universidade, máis versátil e de máis sinxelo acceso ao usuario.