DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na I Xornada Internacional de Crítica e Investigación de ANILIJ

O mapa da investigación da literatura infantil e xuvenil en España debúxase en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 18/11/2010

Un ambiente íntimo, próximo e sobre todo concentrado. Era o que se buscaba para a I Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que durante dous días reunirá no hotel AC Palacio Universal a expertos de toda a península ibérica, lonxe dos tradicionais congresos “dispersos, nos que tes que escoller porque hai varios paneis celebrándose de xeito simultáneo. Trátase de fomentar o diálogo entre os investigadores nunhas xornadas intensas e concretas”, explicou Veljka Ruzicka, que xunto a Ana Fernández e Lourdes Lorenzo forman a directiva da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ).

A idea é fuxir da atomización que sufre o sector e crear unha sorte de mapa con todos os mestrados, programas e grupos de investigación que foron crecendo nos últimos 10 anos e que multiplicaron exponencialmente a oferta nas universidades españolas para todos os docentes ou alumnado interesado no campo da literatura infantil e xuvenil. Un modo de conseguilo será abrindo por primeira vez o foro ao estudantado que acaba de presentar a súa tese de doutoramento ou que está a piques de rematala, o que servirá para coñecer as liñas mestras de 18 proxectos de España e Portugal nos que se están traballando nestes intres. “Queremos que a información circule con fluidez . Antes as teses convertíanse en bibliografía gris reducida ao seu ámbito xeográfico e iso é co que hai que rachar”, recordou Lourdes Lorenzo.

Coa mente posta no mundo anglosaxón

Unhas portas que tamén queren abrir aos grupos de investigación, que hoxe foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ás xornadas coa presentación en sociedade de 16 entidades investigadoras dedicadas á metaficción, á formación receptora, ao fomento da lectura ou á tradución, entre outros aspectos. “Para min, que son enxeñeiro de Telecomunicacións especializado na investigación do comportamento dos usuarios nas redes sociais, poder tomar a literatura como instrumento e afondar en novas temáticas e xeitos de transmitir é envexable. Ao fin e ao cabo, a tecnoloxía sen contido é tecnoluxuria”, asegurou durante o acto inaugural Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais.

Precisamente por afectar “ao grao máis básico da sociedade” é polo que ANILIJ busca darlle “máis visibilidade saíndo en defensa dun sector que é considerado como algo periférico”. Ao contrario do que ocorre no ámbito anglosaxón, no que é un sector en alza que conta con moitos medios, en España “hai investigación de calidade pero falta convencer aos que teñen a batuta para que concedan máis axudas coas que poder chegar a ser competitivos” porque, segundo razona Lorenzo, “segue sendo a filla dun deus menor e custa moito conseguir financiamento”.

Once anos de vida

ANILIJ comezou “de cero” no ano 1999 a loitar por facer da crítica e investigación en literatura infantil e xuvenil. Creada ao abeiro do grupo de investigación AI1 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e integrada por docentes de filoloxía inglesa, alemana e francesa e de tradución, a asociación converteuse na primeira entidade a nivel nacional adicada á investigación neste campo desde todos os ámbitos imaxinables, desde a didáctica e a ilustración ata a biblioteconomía ou as linguas estranxeiras.