DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato inaugurou o ciclo de conferencias da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio 2010-2011

“Do mar só se coñece un 10%, quédanos por descubrir o outro 90%”

Así definiu as aspiracións do Campus do Mar ante o auditorio do Centro Social Caixanova

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 01/12/2010

O reitor Salustiano Mato foi o convidado que escolleu a Cátedra Almirante Álvarez Ossorio para inaugurar o ciclo de conferencias 2010-2011. Presentado polo director da cátedra, José Gabriel Martínez Ratero e en presenza da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, do director da Escola Naval de Marín, Marcial Gamboa e do subdirector de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, o reitor dedicou a súa intervención a dar a coñecer o Campus do Mar á sociedade pontevedresa, ofrecendo un relatorio no que debullou a estrutura interna do mesmo, ademais das súas ambicións indicando que “do mar só se coñece un 10%, quédanos por descubrir o outro 90%”. Pondo como límite o 2015, concretou que a Universidade se vai converter na “Universidade do Mar de Europa”, aproveitando “unha sabedoría de séculos” e unha cultura tan ligada ao mar como é a de Vigo e a das cidades limítrofes como Pontevedra.

Co lema “o mar escolleunos” Salustiano Mato quixo remarcar a idoneidade do territorio galego-portugués para acoller un campus de Excelencia Internacional que teña como obxecto o mar, pois non hai lugar “que concentre maior número de científicos e tecnólogos deste eido por metro cadrado”, o que se traduce en 3101 investigadores, dos cales 1359 son doutores con máis de 10.000 traballos e máis de 274 millóns de euros en contratos de investigación nos últimos anos.

Grazas ao apoio institucional, empresarial e das demais universidades galegas e portuguesas que conforman este proxecto, o Campus do Mar converterase nun prazo de cinco anos nunha referencia internacional, multidisciplinar, transfonteiriza e integradora do coñecemento do mar.

Eixos estratéxicos do Campus do Mar

Durante a súa intervención, o reitor describiu os principais eixos estratéxicos do Campus do Mar, que concretou en investigación, transferencia, docencia, internacionalización e transformación do campus. A investigación, base do proxecto pois “é a verdadeira fábrica de ideas e de solucións”, levarase a cabo establecendo catro grandes grupos de investigación que xirarán en torno á observación do océano e cambio global, uso sustentable dos recursos mariños, a xestión da zona costeira e competitividade e xestión empresarial. Pero a investigación adquire valor cando se transmite, se comparte, de aí o segundo eixo, o de transferencia, co que se pretende aumentar o número de contratacións por parte de empresas, a xeración de patentes e dos contratos licenza.

Ademais, como indicou Salustiano Mato “non debemos esquecer a nosa capacidade de ensinar” no Campus do Mar coa creación de unha Escola Internacional de Posgrao que aglutinará os mestrados de doutoramento máis relevantes, pero superados en número polos mestados profesionalizantes, orientados ás necesidades do mercado. Ligado á docencia atópase a internacionalización, aspirando a que en 2015 polo menos o 30% do alumnado de posgrao proveña de países distintos a España e Portugal. Por último, o eixo de transformación do campus, que “significa facer atractiva a vida nesta escola, que se goce ensinando e aprendendo”, en palabras do reitor.

Liñas de futuro

Durante a súa exposición fixo especial fincapé en tres liñas de actuación emerxentes, que nun futuro non moi afastado o Campus do Mar tomará grazas ao desenvolvemento de programas de captación de talento. Teñen no punto de mira a análise e modelización de sistemas complexos cos que se poderán predicir catástrofes, o emprego de moléculas mariñas no campo da saúde, da industria ou da alimentación ou a transformación da forza do mar en enerxía.

As restauración do complexo patrimonial da ETEA, o establecemento de programas de cultura científica para lograr a interacción coa sociedade, así como a cadea de mando do Campus do Mar foron outros temas que Salustiano Mato tocou na súa intervención.