DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 55 votos a favor, once en contra, seis en branco e un nulo

Mar García Señorán é elixida nova decana de Ciencias da Educación

A docente agradeceu o apoio recibido e apostou por traballar todos xuntos pola calidade do centro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 12/03/2014

A Facultade de Ciencias da Educación cdo campus de Ourense elebrou este mércores as eleccións para renovar o seu equipo decanal e a única candidatura presentada, a da docente de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Vigo Mar García Señorán, saíu elixida por maioría. Con 55 votos a favor, once en contra, seis en branco e un nulo, o persoal docente e investigador, o alumnado e o persoal de administración e servizos do centro decidiu apoiar a súa proposta de continuidade na política de xestión levada a cabo durante os últimos seis anos polo equipo de Mercedes Suárez, que esgota agora os dous mandatos ao fronte da facultade.

Tras estas eleccións, Mar García Señorán pasa de ser vicedecana do centro a decana; Xosé Manuel Cid mantense como vicedecano de Relacións Institucionais, Actividades Culturais e Intercambio; Ramón Ángel Fernández continúa como vicedecano de Organización Académica, de Espazos e Recursos; Pino Díaz como vicedecana de Coordinación de Graos e Posgraos e Antonio González como secretario. Incorpórase como novidade Carmen Ricoy, que pasa a ser vicedecana de Calidade e Innovación Educativa.

Un traballo de todos

“O meu desexo e o do meu equipo é construír unha facultade de calidade entre todos e todas, tanto os que votastes a favor como en contra da nosa candidatura”, destacou a docente tras a súa elección. Nesta nova etapa, García Señorán salientou a súa aposta por incrementar a calidade e a eficiencia do centro, por conseguir a acreditación das titulacións, por intentar minorar a carga burocrática, por seguir sendo un centro aberto á colaboración en iniciativas e por fomentar a internacionalización da facultade, dos seus estudos e do seu alumnado. “Todos vos sodes importantes nesta tarefa e por iso vos pido o voso apoio, para conseguir unha facultade de calidade, que é o que todos queremos, onde poder traballar en bo ambiente”, apuntou a coordinadora do Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos.

Dirixir unha facultade con 1500 estudantes, máis dun centenar de docentes, catro graos, catro posgraos e un programa de doutoramento, salientou, é unha tarefa complexa que o seu equipo asume con renovadas ganas e para a que pediu a implicación dos diferentes colectivos que forman parte do centro, tanto estudantes, como docentes e investigadores como persoal de administración e servizos. Tamén quixo recoñecer a nova decana da facultade o traballo realizado por Mercedes Suárez desde que no curso 2008/2009 asumiu a dirección do centro, seis anos de mandato no que tivo que afrontar a difícil adaptación das titulacións ao Plan Boloña a pesar da crise económica.