DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco profesores editan un libro para axudar no estudo dos números ao alumnado de ciencias

'Un mar de matemáticas', unha publicación para non naufragar

Etiquetas
  • Vigo
Duvi DUVI 30/05/2017

Baixo a premisa de contribuír á mellora da formación do alumnado nunha disciplina indispensable para o coñecemento científico tecnolóxico, cinco profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade veñen de publicar un libro de axuda para as e os estudantes da rama de ciencias. O obxectivo do manual, que leva por título Un mar de matemáticas e está editado polo Servicio de Publicacións da Universidade, é claro: achegar o estudo dos números a aquelas persoas que non senten paixón pola disciplina. Quen o adquira atopará un manual de introdución á álxebra tradicional, ao cálculo diferencial e integral en varias variables e ás ecuacións diferenciais. Todos estes contidos “cobren con folgura os habituais nos cursos de graos de ciencias experimentais, sociais e enxeñarías” explica Miguel A. Mirás, director do departamento e un dos autores, xunto con Manuel Besada, Carmen Quinteiro, Javier García e Carmen Vázquez.

No mercado abundan manuais de axuda con todos os temas habituais que se imparten nos cursos de cálculo, “moitos deles excelentes”, sinala o co-autor e explica que “o reto a través das nosas clases, de libros como este, de iniciativas de divulgación, etc. é espertar interese, curiosidade, gusto, asombro ante a cantidade de problemas e situacións que se poden resolver ou comprender mellor a través do coñecemento matemático”.

Once capítulos compoñen a publicación, nos que se recollen, en cada un deles, o desenvolvemento teórico axeitado, intercalando exemplos que se consideran necesarios tanto para a aplicación dos conceptos estudados como a posta en práctica de exercicios. Complétase cada capítulo cunha pequena sección práctica na que se ilustra como empregar un programa informático, en concreo Matlab, para facer os cálculos e as representacións gráficas asociadas aos problemas analizados. Ao final contan con solucións dos exercicios propostos. Esta achega “radica precisamente no criterio de recompilación do material e na maneira na que se estrutura” matiza Mirás.

Sucesor de Matemáticas á boloñesa

Fai dous anos vía a luz Matemáticas á boloñesa, un manual que, segundo os autores, tivo moi boa acollida por parte do estudantado. Agora publican esta edición xa que o material didáctico orientado á docencia tivo que ser reestruturado para adaptalo ás novas normas e esixencias. “A redución do número de horas presencias forzou, loxicamente, un cambio nos métodos de traballo, tanto en docentes como nos estudantes, e fixo máis necesario ca nunca poder contar cun material específico, dirixido tanto ao traballo individual como ao da aula”, confirma Mirás.

Este libro é un dos moitos programas de innovación educativa que botan a andar dende o Departamento de Matemáticas xa que, como explica o seu director, “desde os primeiros proxectos piloto de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, pasando pola participación nos pioneiros plans de plurilingüísimo na docencia ou, máis recentemente, no programa soporte para o desenvolvemento e implantación de accións de innovación educativa, os asinantes levan tempo traballando e colaborando xuntos”.

Os redactores buscan contribuír a mellorar a formación do alumnado “nunha disciplina indispensable para o coñecemento científico e tecnolóxico. Os estudantes de ciencias deben coñecer e manexar con solvencia os contidos que presentamos”, explica o co-autor. O libro está dirixido especialmente ao alumnado de grao, aínda que pode ser útil para calquera persoa, co nivel de preparación matemática de Bacharelato, interesada en iniciarse no estudo do cálculo diferencial e integral desde unha perspectiva aplicada.