DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A titulación de Ciencias do Mar celebra o seu 25 aniversario reunindo egresados do centro

Un mar de oceanógrafos e oceanógrafas

A través da súa experiencia laboral en España, EEUU, Australia ou Italia amosaron as saídas profesio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/05/2017

Nos 25 anos de existencia da titulación de Ciencias do Mar, das súas aulas saíron 2200 titulados e tituladas que na actualidade traballan en eidos tan diversos como xestión e planificación do litoral, bioloxía mariña, xestión dos recursos pesqueiros e acuicultura, ecoloxía e conservación do medio mariño, xeoloxía mariña, botánica mariña, biotecnoloxía ou enerxía renovables mariñas. Co gallo da celebración deste cuarto de século dunha carreira, a Facultade de Ciencias do Mar organizou este venres a xornada Oceanógrafos polo mundo, un encontro con antigos alumnos e alumnas das primeiras promocións co obxectivo de dar a coñecer as súas competencias laborais e as habilidades transversais que os converteron en profesionais recoñecidos. O alumnado actual e futuro e a sociedade en xeral puideron coñecer de preto a través da experiencia de nove egresados e egresadas o amplo abano de “destacados papeis que oceanógrafos e oceanógrafas desenvolven na actualidade”. No acto de apertura deste encontro Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, Rosa Quintana, conselleira do Mar e Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias do Mar coincidiron en destacar a versatilidade dos titulados de Ciencias do Mar e a consolidación dunha carreira exclusiva en Galicia, que so se imparte en seis universidades de todo o estado.

25 anos consolidando unha titulación única no norte de España

Salustiano Mato botaba a vista a atrás para explicar que a titulación se puxo en marcha en 1991 ao abeiro da Facultade de Ciencias, da que el era decano, o que cualificou de “privilexio”. Quixo tamén poñer en valor o traballo dos “pioneiros” que fixeron posible traer Ciencias do Mar a Vigo, entre eles o catedrático Federico Vilas. O reitor tamén lembrou as barreiras que foi preciso derrubar para que a sociedade coñecese a titulación e o seu impacto social e as barreiras corporativas que impedían o acceso a moitos tipos de profesións e institucións públicas aos titulados en Ciencias do Mar. “Agora o recoñecemento profesional e social é moito maior”, destacaba, “e a boa formación de todos e todas fixo posible que poidamos falar de oceanógrafos e oceanógrafas polo mundo”.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou “á facultade, a todos os estudantes que polas súas aulas pasaron facilitando o seu crecemento sostido e á Universidade de Vigo pola súa aposta por unha titulación moi especializada, que en 1991 só se ofertaba en Vigo en toda a zona norte peninsular”. Destacou que as universidades, como motores dos avances socio-económicos deben traballar para revalorizar os seus títulos académicos, converténdoos nun “verdadeiro garante de traballo estable, ben remunerado e socialmente valorado”. Pola súa banda, a decana do centro, Belén Rubio, explicou que con esta xornada quixemos traer de volta á facultade unha pequena mostra do “noso mar de persoas”, os nosos 2200 egresados e egresadas. “Algúns veñen de EEUU, Italia, Canadá ou Australia pero outros son persoas que desenvolveron a súa carreira profesional con éxito en Galicia e destacou a “confianza que empresas e administracións públicas puxeron nos nosos titulados: a Nasa, ExxonMobil, as universidades de Sidney ou California, o IEO, o CSIC, a Autoridade Portuaria de Vigo…”, nos que traballan os poñentes convidados nesta xornada, que interviñeron tanto en persoa como por videoconferencia. Deles destacou a súa iniciativa, adaptabilidade, versatilidade, a gran capacidade de traballo e a súa afouteza, engadindo que “para nós, como docentes desta titulación dende os seus inicios, é unha gran satisfacción comprobar, como dicía Aristóteles, que o discípulo superou o mestre”.

Do mar ao espazo, na procura de vida extraterrestre

Alfonso Fernández Dávila foi o primeiro en intervir e fíxoo por videoconferencia dende California, onde traballa como investigador para a NASA no Ames Research Center Exobiology Branch. A pesar de que o seu campo de traballo é a astrobioloxía, un eido bastante afastado da oceanografía, “chegar aquí nunca tería sido posible sen a miña formación en Ciencias do Mar”. Titulado da sexta promoción, na súa intervención explicou como pasou das ciencias mariñas á busca de vida extraterrestre. Tras realizar o doutoramento en Munich centrándose na interacción entre os campos magnéticos e os seres vivos, marchou a EEUU para realizar un proxecto de posdoutoramento no centro Ames Research Center Exobiology Branch. O seu traballo foise encamiñando cada vez máis cara a astrobioloxía, é dicir, a busca de vida fóra do noso planeta e, pouco a pouco, “o meu interese foise desviando cara o estudo de ambientes terrestres análogos, é dicir, lugares do planeta Terra que se asemellan a ambientes extraterrestres”, entre eles os dous desertos máis extremos da Terra: Atacama e os vales secos da Antártida.

Tras unha estadía no SETI, o Instituto de Busca de Vida Intelixente Extraterrestre, tamén en California, dende o mes de xaneiro de 2017 ten unha praza de investigador no Ames Research Center, onde continúa investigando os ambientes extremos. Na actualidade traballa no estudo dunha lúa de Saturno, chamada Encélado, que baixo unha cortiza de xeo de 5 ou 10 km de espesor, agocha un océano de 10 km de profundidade, “un mundo oceánico” no que a comunidade científica busca indicios de vida. Así, tras case quinte anos cada máis máis lonxe das ciencias mariñas, “volvo traballar en algo relacionado co mar, pechando así o círculo”. Preguntado polo público por unha predición temporal sobre a confirmación da existencia de vida extraterrestre, aventurouse a estimar que “en 10 ou 20 anos creo que detectaremos vida noutro planeta, pero por estatística, non será do sistema solar”.

Ao longo da xornada interviñeron tamén Miguel Gil, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo; Carlos Botana, do Departamento de Sostenibilidade da Autoridade Portuaria de Vigo; Marta Álvarez, do Instituto Español de Oceanografía da Coruña; Noelia Estévez, do Istituto di Scienze Marina de Génova-ISMAR; Tania Lado, do Centro de I+D Ocean Networks (Canadá) e Carlos Alberto Fernández, responsable de Exploración en ExxonMobil.