DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu o 2º Ciclo de Conferencias O Mar na Historia

Un mar que agocha moita historia en Ourense

A iniciativa terá continuidade en marzo cunha segunda xornada de conferencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/12/2011
O mar xogou un papel moi importante no desenvolvemento da historia ao longo dos séculos pero no só na costa senón tamén no interior de Galicia. Co obxectivo de afondar nesta idea, o Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo celebrou este luns a primeira das sesións do 2º Ciclo de Conferencias O Mar na Historia. Desde a historia e desde unha cidade interior como Ourense, os organizadores queren rachar tópicos e facer a súa propia contribución a unha área que na Universidade de Vigo ten especial protagonismo pola existencia do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar.

Durante a presentación das xornadas Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, salientou o interese do programa deste ciclo e a calidade dos seus relatores. Pola súa banda, María López, directora do departamento organizador, explicou que a iniciativa xurdiu para dar a oportunidade ao alumnado do centro de coñecer de primeira man traballos de investigadores interdisciplinares que logo pasarán a formar parte da revista do departamento, chamada Minius. López tamén quixo salientar que “pensamos na temática do mar para este ciclo polo interese de vincular a historia, de achegar o noso gran de area, ao Campus do Mar, o gran macro proxecto da Universidade de Vigo no que é importante que tamén esteamos”. A directora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía advertiu do papel clave que tivo o mar en Galicia ao longo do tempo e da importancia de afondar nese protagonismos desde unha perspectiva histórica e con rigor investigador.

O programa, dividido en dúas sesión

Trala presentación comezaron as conferencias cunha intervención de Elisa Ferreira, da Universidade de Santiago de Compostela, titulada A Galicia medieval e o mar. A profesora realizou un percorrido por como se sentiu a presenza do mar e da actividade costeira nas zonas do interior de Galicia na Idade Media, prestando especial atención ao comercio exterior, ás industrias ubicadas nas zonas costeiras e á explotación dos recursos costeiros e martítimos. "Desde as primeiras representacións cartográficas hai unha visión de Galicia desde o mar, una imaxe tópica do Finisterrae, pero Galicia non é primordialmente unha rexión costeira senón de interior", advertiu.

O programa desta primeira sesión do ciclo, á que asistiron principalmente docentes e alumnado da Facultade de Historia de Ourense, completouno Mª Carmen Saavedra, da Universidade de Santiago de Compostela, cunha intervencións sobre a política naval, corsarios e armadas na Galicia moderna, e Ignacio Crespo, da empresa Argos, encargado de falar sobre a arqueoloxía subacuática.

A segunda sesión das xornadas celebraranse na segunda quincena de marzo de 2012, en data aínda por pechar. As conferencias comezarán ese día coa intervención de Antonio Alvar, profesor da Universidad Carlos III, que falará sobre os perigos da navegación e as prácticas máxicas para solucionalos. Seguiralle unha intervención do economista Dionisio Pereira sobre os pósitos dos pescadores dende o Antigo Réxime ata a II República, e unha conferencia de Gonzalo Méndez, da Universidade de Vigo, sobre a historia da cartografía náutica de Galicia.