DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mar ten a palabra

A CEP organiza coa colaboración da Universidade un foro de debate no que o Campus do Mar será protag

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 06/04/2011
Un motor económico dentro do espazo atlántico no que está inmerso a Eurorrexión. Niso pretende converterse o Foro do Mar, que o vindeiro 25 de maio tentará "impulsar a filosofía do mar" no Centro Social Novacaixagalicia con ata cinco mesas redondas nas que se debaterán as expectativas dos sectores vencellados ao mundo marítimo, o apoio das administracións públicas, a loxística e o transporte e o pulo á investigación, á innovación e ao desenvolvemento que supón o Campus do Mar. "A Universidade de Vigo conseguíu un fito fundamental con el, non só polo contido, senón porque integra a todos os estamentos, e ese é o maior mérito. Por primeira vez en Galicia, Vigo lidera un proxecto capaz de namorar a todos os sectores", explicou José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).

O foro nace coa idea de visibilizar o "destino do ben común" que supón a vertente atlántica coa participación de importantes axentes e personalidades do sector. Trátase de "aunar o esforzo de todos os involucrados, o que resulta crucial para dar a coñecer a empresarios e sociedade as estratexias e plans de acción relacionadas co mar", subliñou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento. O foro convertirase nun punto de encontro con participantes de alto nivel no que falar sobre cara onde vai o sector,e explicar as expectativas que abríu a Universidade co proxecto do Campus do Mar, que aposta pola internacionalización e polos recursos humanos, co 20 e o 42% do seu orzamento, respectivamente.

Tres palabras condensarán o leif motiv deste foro: cooperación, sinerxias e competitividade arredor do mar, motor económico común da Eurorrexión. Algo que segundo empresarios e administracións só se poderá conseguir coa colaboración entre entidades de ambas beiras do Miño. "Moitos dos sectores estratéxicos da economía galega están vencellados ao mar e como vivimos nun mundo que cambia demasiado rápido temos que tratar de anticiparnos para manter a posición de liderado nalgúns casos, para buscalas noutros. Por iso ten especial importancia a organización dun foro como este, que permite a cooperación entre estamentos, territorios e empresas", razonou Joaquín Varela, director xeral do IGAPE.

Irmandade con Portugal

Como este momento de reflexión e debate sobre as oportunidades de desenvolvemento da economía do mar afecta tanto a Galicia como ao norte de Portugal, o foro terá un irmá xemelgo en Oporto. A Asociación Empresarial de Portugal e a Asociación Océano XXI organizan do 16 ao 19 de xuño a Feira do Mar, un evento aberto á participación de empresarios, comunidade científica e sociedade en xeral para a sensibilidación dos beneficios que se poden obter a partir da explotación sustentable dos recursos mariños. "O mar é para nós un novo campo de actividade tanto pola súa enerxía como polos seus fondos, a pesca, as oportunidades de lecer... é unha economía que nós temos a obriga de desenvolver", resaltou Luis Valente, vicepresidente da AEP. Un encontro que aúna conferencias, expositores e unha ampla variedade de actividades nas que tanto a CEP como o Campus do Mar tamén estarán presentes.

Un proxecto visionario

En ambos eventos algo que destacará será a presenza do Campus do Mar e a súa visión sobre o sector. Co seu Consello Reitor e co Equipo Directivo recentemente constituídos, o proxecto da Universidade de Vigo bota a camiñar cun orzamento de 7 millóns de euros no que o fundamental é a xente. Por iso, un 23% dos cartos irán destinados á captación de científicos de talento, mentre que outro 20% irá para a docencia e a escola de posgrao. O resto repartirase entre internacionalización (20%), investigación e transferencia (19%) e o Campus Dixital do Mar (18%). Mentres, segundo adiantou o vicerreitor José Antonio Vilán, "intentaranse conseguir fondos Feder" para recabar os 11 millóns de euros que custarán uns edificios que se esperan estrear en 2013.