DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa primeira edición

Un maratón de fútbol sala promociona o deporte entre PAS e PDI

Será o 1 de febreiro no pavillón universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 10/01/2008

Co obxectivo de fomentar o deporte e a actividade física entre os membros da comunidade universitaria, o 1 de febreiro celebrarase unha maratón de fútbol sala para PDI e PAS. “Trátase dun formato orixinal con respecto a anos anteriores, nos que o Servizo de Deportes organizaba competicións de liga ou de maior duración”, tal como apunta Eduardo Rodríguez, responsable do evento, quen engade que “a participación está aberta a todos, independentemente da condición física, posto que, aínda que é unha posibilidade, non é habitual que se produzan lesións”
O pavillón universitario acollerá tódolos partidos, tanto os da categoría masculina como da feminina, que se disputarán entre as 9 h. e as 21 h. Os que desexen tomar parte no xogo deberán formar un equipo cun número de entre 8 e 10 xogadores pertencentes ao persoal de administración e servizos, docentes investigadores ou contratados para o desenvolvemento de proxectos de investigación.
A previsión é que se cubran tódalas prazas, xa que “nas competicións similares realizadas con anterioridade soe haber uns sete equipos participantes”, apunta Rodríguez. Os grupos interesados poderán inscribirse entre o 7 e o 25 de xaneiro cubrindo o impreso dispoñible na páxina web do Servizo de Deportes e presentándoa nas súas oficinas, ou ,no seu defecto, enviándoa por Fax (986 814 061) ou ó correo electrónico deportes@uvigo.es.
Máis información na páxina web www.deportes.uvigo.es