DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 70 persoas participaron nesta actividade no Pavillón Universitario

O Maratón Solidario de Zumba reúne 200 quilos de alimentos

Os produtos doados serán entregados ao comedor social dos Pais Franciscanos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 15/12/2017

Preto de 200 quilos de alimentos destinados a contribuír ao labor social que realiza en Pontevedra o comedor dos Pais Franciscanos é o balance do XV Maratón de Zumba Solidario, unha iniciativa que, na noite deste xoves, levou a preto de 70 persoas a suar, divertirse e moverse ao ritmo das diferentes coreografías, nunha iniciativa promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus destinada a unir actividade física e solidariedade. “Como soe pasar, a xente que acode implícase moito, como amosa a media de máis de dous quilos doados por persoa”, salienta o responsable da área no campus, Gustavo Loureiro, da participación nunha iniciativa aberta a toda a cidadanía, á que se lle pedía que doase cando menos un quilo de alimentos non perecedoiros para sumarse a este maratón.

Bruno Hermida, como coordinador, e Olalla Beluso, Conchi Pedraza e Elena Martínez, como monitoras, encargáronse de facer moverse aos asistentes ao ritmo dunha serie de coreografías que combinaban os pasos de baile cos exercicios aeróbicos. O evento contou tamén coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que doaron os alimentos, a froita e as barriñas cos que as e os asistentes puideron repoñer folgos, así como de Gym Dance Fit e FiestaLoka.com. O maratón completouse así mesmo co sorteo de diferentes agasallos entre as persoas participantes.

O Crossfit toma o relevo este domingo

Esta combinación de deporte e solidariedade terá continuidade este domingo 17 no Pavillón Universitario coa terceira edición do Crossfit Solidario, unha competición promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte xunto con Crossfit Turoqua, dirixida  a contribuír ao labor de diferentes organizacións sociais. Aberto á participación de 25 parellas, que se enfrontarán nun circuíto a unha serie de exercicios de resistencia, forza, habilidade ou ximnásticos de diferente grao de dificultade, as cotas de inscrición, de 5 euros por persoa, que se reúnan nun evento que dará comezo ás 15.00 horas serán doadas integramente á Fundación Meniños. Así mesmo, desde a organización convídase tanto aos e ás participantes como ás persoas interesadas en acudir como público ao evento a que acheguen ao pavillón xoguetes, roupa e alimentos, que serán doados á Fundación Boa Vida e a Cáritas.