DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta actividade congregou a preto de 180 persoas no Pavillón Universitario

O Maratón de Zumba Solidario bate todos os seus rexistros e permite reunir 340 quilos de alimentos

Toda a comida doada foi entregada no comedor social dos Pais Franciscanos de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 13/12/2013

Como “un éxito en todos os sentidos”, definiu Ana Belén Fernández Souto, responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do Campus de Pontevedra, o XI Maratón de Zumba Solidario que a Vicerreitoría levou a cabo na noite deste xoves no Pavillón Universitario, onde se chegaron a reunir arredor de 180 persoas dispostas a facer exercicio e divertirse coa práctica desta actividade física que combina os movementos aeróbicos con pasos de baile. O único que se lles pedía a cambio era que doasen cando menos un quilo de alimentos, ao que as persoas participantes responderon con creces, xa que se lograron reunir nada menos que 340.

De aí que Fernández Souto incida no “récord absoluto” acadado nesta edición tanto en termos de participación como de cantidade de produtos, posto que neste 2013 se superaron con moito os aproximadamente 200 quilos que se lograran reunir na anterior edición. Así mesmo, a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do Campus de Pontevedra tamén se felicitou polo feito de que no Pavillón Universitario se congregasen persoas de todas as idades e salientou tamén que “a maior parte dos participantes non eran da comunidade universitaria, senón da cidade”.

Contribución a un comedor que atende 120 persoas ao día

Dúas horas de zumba gratis era o que se ofrecía nesta actividade con fins solidarios organizada pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, que contou coa colaboración de Gadisa, que subministrou as barriñas e bebidas enerxéticas coas que recuperaron folgos os participantes, ximnasio Curves, Rocarpe Impresores e Ekinocio Comunicación. Ao seu chamamento responderon preto de 180 persoas, dispostas tanto a realizar exercicio como a divertirse coas coreografías propostas polas monitoras, que mesmo lles fixeron bailar a ritmo de panxoliña. Aínda que, como recoñece a propia Fernández Souto, "non todos aguantaron ata o final" e despois da primeira hora de actividade, máis de un e de unha optaron xa por retirarse.

Todo isto co obxectivo de contribuír á labor que se realiza no comedor social dos Pais Franciscanos de Pontevedra, onde se atende na actualidade a “unha media diaria de 120 persoas”, o que fai que “se vexan desbordados”, como apunta Fernández Souto, quen ao remate desta actividade acudiu ata este comedor, xunto co técnico de actividades deportivas Gustavo Loureiro, a facer entrega de todo o que se lograra reunir con este maratón.