DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patricia Díaz e Iago Fernández, de Elogia Media, expuxeron no campus as vantaxes da comunicación onl

Marca e cliente manteñen un diálogo íntimo a través da rede

Os profesionais botan man de ferramentas virtuais para facer un seguimento das reaccións do usuario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 26/10/2011

Que Google presente un anuncio dunha axencia de viaxes ao usuario que previamente realizou unha busca de destinos turísticos, non é froito da casualidade, senón resultado do emprego de ferramentas que as marcas teñen contratado para dirixirse de forma personalizada a súa clientela. Sobre as posibilidades comunicacionais que internet abre a un negocio “permitindo levar a cabo accións concretas para cada un dos públicos”, Patricia Díaz e Iago Fernández, xestores de comunicación da empresa de marketing Elogia Media, compartiron co alumnado de Publicidade e Relacións Públicas as vantaxes das plataformas de comunicación online máis coñecidas como social media, ou o que é o mesmo, Facebook, Twitter ou blogs.

Tanto Díaz como Fernández destacaron que internet non é o futuro, senón o presente, xa que “é o lugar onde se pode atopar a calquera e tamén a todos os clientes”. Advertiron que empresa que non se faga presente no mundo virtual, “empresa que perde unha grande oportunidade de negocio”, ao renunciar a un espectro de acción que crea valor de marca “a través dunha comunicación personalizada inmellorable”, engadiron.

A clave, “vixiar” ao usuario

A gran diferenza entre unha estratexia publicitaria convencional e online atópase no papel que xoga o receptor da mensaxe. Mentres que os medios tradicionais lanzan o anuncio, “internet permite vixiar a reacción do usuario”, aclarou Díaz, ao quedar reflectidas as súas opinións “en Facebook, en Twitter, no seu blog...”. Esta dispoñibilidade de información permítelle ás marcas manter unha acción proactiva na detección de oportunidades e de accións prexudiciais a través de ferramentas sinxelas e gratuítas “como buscas en Google co nome da empresa, programación de alertas con palabras clave, seguimento dos principais foros que falen sobre o negocio...”, exemplificou Díaz.

Un dos sectores que mellor está aproveitando os beneficios dos social media son os da cosmética e a moda. En este caso a clave reside na detección dos influencers, persoas anónimas especialistas no tema con moitos seguidores na rede, “que as marcas localizan para que de algunha forma pasen a traballar para eles”. Así, moitos blogs sobre moda “son a plataforma ideal para que as marcas presenten as súas novas liñas de deseño”, ou canais en Youtube sobre como maquillarse, “de grande utilidade para a promoción de cosméticos”.

Medicións máis fiables

A busca do contacto directo coa clientela provocou que moitas empresas reorientasen os seus intereses cara a comunicación en rede. “En Reino Unido, o investimento en novas formas de promoción acaba de superar ao dos medios tradicionais, co que se deduce que proximamente sucederá o mesmo en España”, confirmaron os comunity managers de Elogia. Para Fernández, esta transformación do mercado publicitario tamén está moi relacionada coa capacidade de internet de ofrecer medicións máis fiables e exactas dos efectos que ten cada acción de comunicación. Tanto é así que expertos en medición complementan datos de audiencias de medios tradicionais con información da rede, “debido ao fenómeno de dobre pantalla, xa que é moi común que un espectador estea en fronte da televisión e twitteando ao mesmo tempo sobre o que está vendo”, puntualizou Fernández.

Nicho laboral interesante

A pesar da situación laboral actual, recentes titulados e tituladas en Publicidade e Relacións Públicas atoparon traballo como xestores de comunicación online, “especializados en coidar comunidades virtuais, responsables de xerar contidos e dinamizar a imaxe da marca na rede”, explicou Díaz. Tanto é así que a propia empresa Elogia Media ten entre o seu persoal profesionais formados na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus que se dedican á xestión da imaxe de marcas en internet.