DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director da Asociación de Marcas Renombradas ofreceu un relatorio no Máster de Comercio Internacio

Marcas renomeadas españolas, un activo estratéxico clave

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 16/11/2011
O director xeral da Asociación de Marcas Renombradas Españolas, Miguel Otero, debullou este martes ante o alumnado do Máster de Comercio Internacional que se imparte na Escola Universitaria de Estudos Empresariais os detalles do proceso de análise e selección, repercusión en outros países e influencia da Marca España. Na súa conferencia titulada Como reconstruír una marca país: El caso de España, Otero incidiu na importancia de que un país conte cunha base sólida de marcas competitivas que acheguen innovación no seus produtos e servizos, emprego e negocio e apostou por unha maior internacionalización das marcas nacionais.

Se países como Alemaña e EEUU teñen unha imaxe comercial construída en gran medida a partir do prestixio internacional das súas marcas nun determinado sector (os automóbiles no caso do país xermano e os ordenadores no do norteamericano), en España non existe un sector que de xeito claro exerza un liderado internacional. Así,na súa intervención, Otero avogou pola potenciación da Marca España que se constrúe, defende, “ coas institucións, con empresas e marcas líderes e con personaxes que son referentes da sociedade civil e que contribúen á imaxe de España no exterior”. Ao carecer dunha imaxe moi concreta, Otero aposta pola construción dunha imaxe definida e potente, “algo moi complicado e máis no contexto de crise e globalización actual”.
O director xeral da Asociación de Marcas Renombradas Españolas quen non obviou na súa intervención as dificultades que entraña a implantación de marcas en outros países e a súa influencia no estranxeiro, manifestou o seu convencemento en que unha Marca España forte e crible contribuirá á internacionalización da empresas españolas e á captación de investimentos estranxeiros. “Hai que saír fóra, vender máis e vender con marca” defende Otero.

Un traballo a prol do fomento das marcas

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e en Administración e Dirección de Empresas pola University of Toronto, Miguel Otero foi director xeral de Investimentos Internacionais do Grupo Chupa Chups, onde liderou a súa expansión en mercados emerxentes como Rusia, China e Brasil. Subdirector xeral do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), na actualidade dirixe a Asociación de Marcas Renombradas que conta con máis de 80 grandes compañías españolas que gozan de presenza internacional e liderado nos seus respectivos sectores e industrias. O seu obxectivo é fomentar a todos os niveis a importancia estratéxica das marcas españolas, en especial as renomeadas, para o desenvolvemento da competitividade e internacionalización das empresas españolas.